La Región
Acto de graduación IES O Couto
O día 10 de xuño asistín como nai dun alumno ao acto de graduación de Bacharelato no IES O Couto, en Ourense. Quero agradecer ao profesorado e ao alumnado que participou na organización o seu traballo desinteresado.
Porén, como cidadá galega quero transmitir a miña decepción posto que a lingua propia da comunidade estivo completamente ausente nos numerosos discursos dos que puidemos gozar, quedando relegada a un papel diglósico e secundario que non se corresponde co afán normalizador do galego que se espera dun centro educativo galego.
Tanto na lexislación vixente coma nos numerosos plans e proxectos do centro figura a obriga de promover a valoración e difusión do galego entre alumnado e profesorado. Estes documentos deben ser efectivos e levarse a cabo, non ser meros trámites burocráticos.
Foi moi significativo o momento en que un alumno agradeceu (en castelán) ao profesor de Lingua e Literatura Galega o amor e respecto pola lingua que transmitiu nas súas clases. Neste momento a audiencia interrompeu o orador cun cálido aplauso. Daquela pensei que, quizais, non estivese tan soa.
Non desexo que a miña observación ensombreza un acto que, polo demais, foi impecable. Reitero, pois, o meu agradecemento a todas as persoas que nos dedicaron o seu tempo e esforzo.
Clara Doval Fernández (Ourense)
Contenido patrocinado
También te puede interesar