La Región
Mi pueblo
É o comentario entre a veciñanza dende hai xa un longo camiñar. Se camiñar é a palabra axeitada para este texto que aspira a non ser devorado. Porque si. Porque O Carballiño semella estar a piques de tragarnos. Sen piedade ningunha. E cada focha representa unha seria ameaza.
Algúns veciños definen todo isto cunha simple palabra: Abandono! Pasividade! Vale! Non é unha! Son dúas! E aínda máis veciños son capaces de atopar outras e máis diversas palabras. Agora ben, eu creo que tamén hai un certo misterio neste desfacerse e crebarse das nosas rúas. Neste abrirse por calquera recuncho.
E iso lévame a monstros que viven baixo a nosa terra. Monstros interesados en conquistarnos. Monstros que se van asomando pouco a pouco coa intención de apoderarse das nosas riquezas. E creo, tal e como se desenvolven os nosos días dende tempos pretéritos, que a principal razón é a de quedarse co noso pulpo. E co noso polbo. Tamén. Con ese noso ben único que, segundo consta e se constata en tantos e tantos aconteceres cotiáns, nos dá sentido.
Ademais de razóns e argumentos para berrar ben alto de onde somos. Haberá quen tome a broma esta misiva. Haberá! Seguro que si! Quizais se deba a que ao final non queda outra que botar man do humor para seguir avanzando por estas nosas rúas carballiñesas abondadas de perigos e riscos a cada despiste dunha pegada túa.
Tamén pode ser que esta misiva sexa consecuencia e reflexo das miñas ganas de aventuras. Dese tipo de aventuras que me acompañan dende cativo e das que sempre me sentía protagonista durante as miñas emocionantes lecturas e máis aínda durante as miñas moitas visitas a aqueles cines nosos que nos permitían soñar e viaxar a lugares e momentos que nos parecían imposibles. Como imposible pode parecer que nos traguen as nosas rúas.
En fin... Oxalá todo isto tan só se quede nun pode parecer!
Manuel I. Nanín (O Carballiño)
Contenido patrocinado
También te puede interesar