Do marabilloso mundo dos animais: “os cordeiros”

Publicado: 29 abr 2026 - 04:40
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Nesta cidade que algúns habitamos, esa que algún día foi a Atenas de Galicia, xa sabemos que as artes ou foxen ou afogan. Auria vive os tempos dun Robin Hood anacrónico e antónimo de seu; dun esperpento digno de Valle-Inclán, que recorta das musas para ofrecer pan e circo aos que caeron (e caen) na súa demagoxia.

Por sorte para a cidade, por trixésimo primeiro ano consecutivo, volve a levarse a cabo a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), un festival que, durante dúas semanas, axúdanos a recordar que esta cidade é digna de albergar espectáculos, e que nas súas rúas pódense respirar as artes e a cultura.

A tarde do 26 de abril puiden asistir a unha das primeiras representacións: “Do marabilloso mundo dos animais: os cordeiros”. Obra que xira en torno a unha familia na que, pouco a pouco, cada integrante vai sacando as súas verdadeiras cores.

En definitiva, esta foi unha obra capaz de mover o conxunto das miñas emocións

Como espectadores, imos coñecendo cada vez máis detalles das personaxes, das súas relacións e dos segredos que agochan. Unha historia que mestura a cotidianeidade, rota pola chegada dunha inesperada visita, cos abusos sexuais, pasados e presentes, sufridos por dous integrantes da familia. Todo pintado cunha paleta surrealista, marcada polo desdobramento de cada personaxe en tres persoas distintas, ao máis puro estilo freudiano.

Era imposible que esta función me deixase indiferente. Dende os primeiros momentos capturou a miña atención con esa acción misteriosa e case oculta tralas cortinas. O ritmo foi natural, e non faltaron elementos sorpresivos na trama. A interpretación tampouco deixou espazo para disgustos, sorprendendo o talento dalgunhas actrices e actores, pola súa capacidade para transmitir a intensidade das emocións negativas.

En definitiva, esta foi unha obra capaz de mover o conxunto das miñas emocións; capaz de expresar como a cotidianeidade pode tecer un relato onde a máis grotesca das realidades semella algo habitual que non é cuestionado por quenes a viven. Unha historia escrita hai máis de trinta anos, e que sendo a realidade de moitas crianzas.

Daniel Toro

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats