Resposta a Miguel Mosquera

Publicado: 27 ene 2025 - 20:23

Insinuar que a liberdade emana dos Estados Unidos denota un hábito por sentar moito tempo diante da televisión, tragando sen masticar. Dicir que a diversidade é unha moda non é novidoso nin revolucionario. É, máis ben, un discurso manido e pouco creativo.

Non, señor Mosquera. Non hai 72 identidades sexuais. Adoito cobrar por explicar isto pero para vostede fareino de balde, coa man no corazón: igual que hai animais mamíferos que viven na terra e peixes que viven no mar, hai excepcións nas que un animal mamífero vive no mar ou mesmo pon ovos, como é o caso do ornitorrinco. Dito animal non intenta impresionar coa súa disidencia, simplemente existe sen encaixar nas nosas categorías, que son limitadas e limitantes porque necesitamos clasificar o mundo de xeito asumible.

No caso do cabalo de mar, é o macho o que da a luz. Se falamos das monas bonobos, manteñen relacións sexuais sáficas. Os caracois non viven cuns xenitais definidos de por vida. Podería seguir todo o día pero creo que se entende a idea: a diversidade sempre existiu; non todes cabemos en dúas caixas.

Asociamos “muller” a “vulva” e “home” a “pene” cando na realidade, igual que non hai ollos azuis e marróns exclusivamente, os xenitais son unha gama infinita en variedade. Sen ir máis lonxe, Hitler e Franco sumaban dous testículos ó final da súa vida e son considerados homes igualmente, non? A identidade de xénero (eu non diría sexual) é algo irreplicable, polo tanto concordo con vostede en que non hai 72. Habendo 8.231.613.070 persoas na faz do mundo agora mesmo, asumo que hai 8.231.613.070 xeitos de estar nel, non 72, e moito menos 2.

Percibo certa frustración cara a xente que pensa diferente a vostede. Creo que ten arreglo: sentar a comer cunha persoa que durme na rúa pode ampliar a súa empatía. Onde vostede fala de okupación, eu penso na especulación inmobiliaria que dificulta alugar unha vivenda. Diso falamos outrora.

Se quere falar de manipulación dos medios de comunicación non ten que saír de Galicia, a plataforma “Defende a Galega” leva dende maio do 2018 reclamando poder exercer a liberdade de prensa sen as presións e acoso de certo partido político.

Descúlpeme se non entendo a fixación que ten vostede cos Estados Fundidos de América. Non creo que sexa fascista, creo que se está acomodando no perigoso terreo da inflexión en vez de utilizar a súa creatividade para trascender as crenzas limitantes que ten sobre vostede mesmo. E isto non sería un problema se non fose, precisamente, o que tanto rexeita. Para ir terminando, demonizar un colectivo do que probablemente non coñece compoñentes tampouco é revolucionario. Sabe vostede que o é? Deixar de emular á clase política, á procura da ofensa máis creativa. Sentar tomar un café con xente distinta a un. Buscar o consenso no canto de buscar levar a razón. Atopar a beleza nas nosas diferencias. Querer. Quererse. Querernos. Malia todo. Facer pontes e non muros.

Contenido patrocinado

stats