La Región
A era da incerteza
O desenlace da Guerra Fría e a desintegración da Unión Soviética pareceron inaugurar unha nova era, con Estados Unidos como única superpotencia. Pensouse así que a democracia liberal vencera definitivamente aos seus rivais ideolóxicos. O politólogo Francis Fukuyama proferiu o “fin da historia”: o triunfo global do modelo liberal-democrático. Aquela interpretación apoiábase tamén na teoría da paz democrática defendida por autores como Michael Doyle, inspirada no ideal de “paz perpetua” formulado por Immanuel Kant. Se as democracias non entran en guerra entre si, estendelas sería a mellor garantía de estabilidade mundial.
Durante os anos noventa, este optimismo pareceu plausible. Multiplicáronse as transicións democráticas e consolidouse unha orde internacional baseada no multilateralismo e en institucións como a Organización das Nacións Unidas. Occidente tiña unha oportunidade histórica: someterse ás normas que proclamaban os dereitos humanos, a legalidade internacional e a democracia para superar o legado do colonialismo e das traxedias totalitarias do século XX. Porén, esa oportunidade non foi máis que unha fermosa ilusión. Tras os atentados do 11 de setembro de 2001, a Administración de George W. Bush lanzou a chamada guerra contra o terrorismo. As intervencións en Afganistán e Iraq non só non democratizaron Oriente Próximo, senón que xeraron máis inestabilidade e violencia; estimándose preto de 900.000 mortes directas, ademais de millóns de falecementos indirectos. O caos facilitou incluso a aparición do grupo xihadista ISIS.
Alén, o apoio occidental á ofensiva israelí na Franxa de Gaza, respaldada por Estados Unidos e tolerada por moitos gobernos europeos, contrasta co discurso sobre os dereitos humanos. Algo semellante ocorre na escalada militar con Irán, onde erros tráxicos como o mísil que acabou coa vida de máis de 150 nenas nunha escola, apenas reciben atención pública se os responsables son occidentais.
O problema, polo tanto, non comezou con Donald Trump, aínda que a súa política o fixese máis explícito. Desde comezos de século repítese un patrón: invocar valores universais mentres se vulnera a legalidade internacional. Como advertiu o historiador Tony Judt, a credibilidade moral de Occidente depende de aplicar os seus principios tamén a si mesmo. Se non o fai, o seu discurso liberal corre o risco de converterse en mera retórica e de acelerar a perda de lexitimidade de todo o proxecto occidental.
Xián Antón Lorenzo Rodríguez
(Ribadavia)
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
A era da incerteza
La Región
Valentía política: el reto
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
El euro adelgaza y los salarios no engordan
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Le quedan dos telediarios
Lo último