Os incendios que viran e nós, os bombeiros forestais

Publicado: 13 oct 2026 - 00:11
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Non se debería tan pronto esquecer que este verán 2026 foi un inferno alén Padornelo (e Pirineos) de inabarcables extensións de territorio arrasado en Madrid/Ávila, Huelva, Aragón e coa calamidade de Los Gallardos en Almería con 15 vítimas mortais. Nós aquí, en Galicia, tivemos serios avisos: o Galleiro, Padrón, Boborás, Vimianzo/Laxe ou Calvos de Randín. Pero o vento (pensamos) relaxou e a sorte deixou a toda Galicia respirar aliviada. Mais debemos pornos e xa en garda. Porque o lume que non víu vai vir.

A Xunta de Galicia, debe aplicarse e poñerse a traballar sen tempo que perder e moi seriamente. A inminente chegada dun Superniño e súas consecuencias, levar ás presas a nova Lei de Incendios sen as debidas consultas e achegas con formas nada democráticas pode ser un erro de consecuencias fatais e por riba continua o interminable maltrato aos bombeiros forestais...

Os bombeiros/as forestais de Galicia as emisoristas, axentes e seus técnicos seguimos a ser o único, o mellor antídoto, efectivo e incuestionable (por agora), para frear, paliar e amortiguar a barbarie incendiaria. E faremos noso traballo, cando e onde nos toque pero precisamos que a Xunta de Galicia, e xa, nos tome en serio. Sufrimos en toda Galicia, nas nosas carnes a primeira liña de lume, as veces incendios imparables que nos forzan a loitar con dureza extrema para por a salvo ás persoas e súas pertenzas. Nós caemos, queimámonos, sufrimos golpes de calor, rebentamos nosos pulmóns, mais levantámonos para seguir para cun ben común. Estamos empobrecidos: en 2025 as retribucións dos empregados públicos incrementáronse un 2,5 %, mentres que o IPC pechou o ano en Galicia no 2,6 %. En 2026 a subida salarial fixa é unicamente do 1,5 %, mentres que en xullo os prezos xa acumularan unha subida do 3,1 % en Galicia e a inflación interanual alcanzaba o 4,1 %. Sumemos a inflación, a carestía dos combustíbeis e os altos prezos da vivenda. Polo tanto, a día de hoxe, os bombeiros forestais estamos sufrindo unha perda real de poder adquisitivo. Precisamos estabilizar, consolidar e ben dunha vez, no noso traballo, facer unha boa e continua formación, rematar coa división existente e realizar o mesmo traballo cos mesmos dereitos laborais e funcionarios. Debemos estar integramente compostos por profesionais, adecuadamente formados na extinción de incendios, na prevención e outras emerxencias coa que poidamos alternar, blindar e fortalecer un servizo único, público, de xestión directa e dependente da Xunta de Galicia

Do mellorciño capital humano que pariu esta Terra, que se entrega a corpo contra o inferno incendiario, os bombeiros forestais esiximos alto e forte, xustiza e dignidade!

Xan Lois Cabreira (Baixo Miño)

Contenido patrocinado

stats