La Región
Os incendios que viran e nós, os bombeiros forestais
Luisito Comunica é un youtuber mexicano ó que seguen corenta e seis millóns de persoas só en Youtube, actualmente de xira por España facendo os seus videos en español de México con ese acento inconfundible e cunha chea de modismos e localismos. Pero ao escoitalo un anaco logo me chama a atención unha das palabras máis características do español de México: chido, que el pronuncia ás veces cun son próximo a shido. Quere dicir algo bo, bonito, estupendo. En Terra de Montes, esa escoita provoca unha pregunta inevitable: no “Dicionario do verbo dos canteiros”, Xesús Antonio Gulías Lamas recolle “xido” co valor de “bo, bonito, fermoso, guapo”. A coincidencia de forma e significado é demasiado precisa para pasar por riba dela sen máis.
A segunda palabra reforza a curiosidade. No mesmo repertorio figura “chamba” (traballo). En México, chamba é emprego ou traballo; así a define o Dicionario da lingua española da RAE e tamén o Diccionario del español de México. Son dúas coincidencias que invitan a mirar con atención unha historia ben coñecida na nosa comarca: a dos canteiros, homes de oficio móbil, afeitos a levar a súa técnica, as súas cuadrillas e a súa fala a outros territorios.
Non estamos ante unha proba etimolóxica pechada. A propia RAE atribúe chamba ao portugués antigo, e o seu artigo para chido recoñece o uso mexicano, pero non lle asigna unha orixe. Outras explicacións divulgativas relacionan chido con voces asturianas. Todas elas son hipóteses que deben ser contrastadas. Mais ningunha elimina, por si soa, a necesidade de estudar a presenza dunha fala gremial galega en redes migratorias que tamén chegaron a México.
A documentación de Beariz dá contexto a esa posibilidade. A revista O Quince lembra que o oficio de canteiro modelou a paisaxe e xerou unha cultura profesional propia, a Xiria dos Arginas. O mesmo estudo recolle que os canteiros eran un gremio tradicionalmente emigrante e que, tras o peche das minas nos anos cincuenta, se reactivaron as cadeas migratorias cara a México.
Que un termo proceda dunha xerga profesional non esixe que conserve para sempre a súa condición secreta. Pode pasar dunha cuadrilla á familia, da familia ao barrio e do barrio á lingua común. Ao facelo, adapta a pronuncia e a escrita.
Por iso a reivindicación non consiste en proclamar unha propiedade que aínda non está demostrada. Consiste en pedir unha investigación seria. Terra de Montes posúe un patrimonio inmaterial excepcional: unha lingua de oficio ligada á pedra, unha memoria emigrante viva e unha diáspora que mantivo vínculos coa terra. Se a popularidade de Luisito Comunica serve para que alguén en México ou Galicia pregunte de onde veñen estas palabras, xa teremos aberto unha porta valiosa. E se a investigación confirma unha conexión, a nosa comarca recuperará unha parte inesperada da súa proxección atlántica; se non a confirma, seguirá sendo igual de importante ter formulado ben a pregunta. Postos a pedir tal vez a RAG teña a ben incluir estas dúas entradas na próxima edición do Dicionario.
Tomás José Sancho Candedo (Ourense)
Contenido patrocinado
También te puede interesar