A oxímoro do progreso

Publicado: 27 feb 2026 - 04:05
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

O auxe fulgurante de Vox nas enquisas representa un movemento sísmico de consecuencias ignotas. A explicación economicista do ascenso da extrema dereita, que se vertebra na desigualdade, na precariedade e na vivenda inaccesible; as denominadas condicións materiais, non resulta satisfactoria dende unha análise empírica. Por exemplo; en 1986, cun paro do 21%, desemprego xuvenil do 45% e inflación próxima ao 9%, a ultradereita era marxinal e o sistema gozaba de lexitimidade baixo o liderado de Felipe González. Hogano, con mellores indicadores (paro do 10%, desemprego xuvenil do 23% e inflación do 2,5%) Vox alcanza cotas inéditas.

Politólogas como Pippa Norris ou Ronald Inglehart xa teorizaron sobre a “reacción cultural” fronte ao avance de valores cosmopolitas. Asemade, Cas Mudde definiu a dereita radical populista como unha ideoloxía que combina nativismo, autoritarismo e populismo. Do mesmo xeito, Dani Rodrik subliñou o impacto político dos choques da globalización, mais sen asumir unha tradución automática en clave extremista; e Nancy Fraser advertiu do desprazamento dos conflitos sociais cara a batallas culturais.

Porén, no Estado español, o cleavage nacional é sintomático. Vox acha as súas raíces nunha concepción mononacional do Estado, polo que a crise catalá de 2017 actuou como catalizador emocional e simbólico.

Como anticipou Antonio Gramsci, a hexemonía constrúese no terreo cultural. E como amosaron Steven Levitsky xunto a Daniel Ziblatt, as democracias non adoitan morrer de súpeto, senón por erosión gradual de normas e consensos. Vox non é só un síntoma económico: é o resultado dunha batalla cultural que leva anos librándose e que hoxe pon a proba a resiliencia da nosa democracia.

Xián Antón Lorenzo Rodríguez

(Ribadavia )

Contenido patrocinado

stats