Excusas de mal pagador

Publicado: 23 jun 2021 - 00:15

Pois resulta que neste momento da era covid é inviable que un grupo de pais e nais asistan á graduación de 6º de Primaria. Unha graduación realizada nun patio ao aire libre, con dous puntos de acceso, sen ter que pasar polo interior do centro, coa opción de marcar o chan por Protección Civil, co apoio incondicional da ANPA, con equipo de música equipado polo concello con escenario… ata ofreceron a posibilidade de traer sillas. Un patio que cumpre coas restriccións de aforo vixentes. Este é o patio do Filomena Dato en Barbadás.

É moito mellor que pais e nais asistan a este acto escolar agolpados na verxa do colexio dende a rúa… ou pensaban que quedaríamos na casa? Tal vez o equipo directivo opine que esta era a opción responsable, non asistir. Sería acaso este o xeito de demostrar o agradecemento a unas tutoras que levan semanas traballando nun acto de homenaxe aos nosos fillos e fillas? Un montón de horas extra invertidas para despediren nove anos da súa vida, para que tivesemos todos un marabilloso recordo da fin dunha etapa marcada por unha pandemia. Era moito pedir que puidesemos estar alí para agradecerllo? A nosa ausencia, non sería unha falta de respeto?

Para nós si, por iso asistimos.

So queriamos acompañar aos nosos fillos e fillas nun fin de etapa que é único, que non terán outro e que non teremos outro. Neste intre tan importante e irrepetible… era moito pedir recuperar un pouco de “normalidade”? Demostrar a importancia da súa graduación, recoñecer todo o esforzó dos seus estudos, non é acaso a nosa obriga?.

Para nós si, por iso asistimos.

A realidade é que na man deste equipo directivo estivo poder presenciar o acto con todas as garantías sanitarias, non na nosa. O que ocorre fora do colexio non é a súa responsabilidade… ata que punto? Pretender que nós ficásemos agardando por una foto non mostra máis que una carencia total e absoluta de empatía, e isto é o que define aos grandes docentes, os que van máis aló de contidos normativas, e obrigas. Os/as que loitan contra vento e marea por ofrecer experiencias que formen persoas, vivencias que ficarán para sempre… e os outros, os que poñen escudos (neste caso a covid, cun desfasado protocolo) cando o único que mostran é a súa deixadez evitando o traballo extra que supón aportar o seu gran de área para o enriquecemento dos alumnos.

Coa situación sanitaria actual e o DOGA na man, non deixarnos acceder ao patio son só excusas de mal pagador. Excusas por parte dunha dirección que nin tan sequera tivo a deferencia de vir despedir a súa última promoción.

Contenido patrocinado

stats