Un xenocidio interminable

Publicado: 22 ago 2025 - 03:40
Carta al director
Carta al director

A guerra en Gaza tras o ataque de Hamás o 7 de outubro de 2023 puxo de manifesto dúas leis de ferro da historia bélica: a dos rendementos decrecentes e a das consecuencias imprevistas. Clausewitz advertía que a guerra é “unha extensión da política por outros medios”, mais Israel semella ter esquecido que sen un obxectivo político claro, o uso da forza convértese nunha aporía. Cada día que pasa, os custos humanos, diplomáticos, económicos e sociais superan con fartura os beneficios estratéxicos, un fenómeno descrito por Paul Kennedy en Auge y caída de las grandes potencias como o declive derivado da sobreextensión militar.

Alén, a contraofensiva israelí produciu efectos contraproducentes: fortaleceu a narrativa de Hamás como símbolo de resistencia, reactivou a atención mundial cara á solución de dous Estados e desencadeou un “tsunami diplomático” que illou a Israel no eido internacional. Segundo Michael Walzer en Guerras xustqs e inxustas, mesmo os Estados democráticos acaban perdendo lexitimidade cando a súa conduta bélica transgrede os límites morais e converte os civís en vítimas inevitables.

O campo de batalla asimétrico, caracterizado por túneles e densidade urbana, favorece ao máis feble, como xa demostraran o Vietcong en Vietnam ou os muyahidíns en Afganistán. Mao Zedong teorizouno ao defender a “guerra popular prolongada” como ferramenta dos febles contra os imperios poderosos. Israel fracasou á hora de redefinir que significa “vitoria” neste contexto, pois Hamás non precisa vencer militarmente, só sobrevivir para reivindicar a súa causa.

O grande erro estratéxico, como sinala Lawrence Freedman en A estratexia, é confundir a forza militar co poder político. Netanyahu, atrapado na lóxica da supervivencia persoal e non na do estadista, levou Israel a un xenocidio interminable e sen horizonte político. E neste escenario, o máis feble soubo converter a súa resistencia nun triunfo simbólico de alcance global.

Xián Antón Lorenzo Rodríguez

(Ribadavia )

Contenido patrocinado

stats