Xulio César, o Apóstol loitador

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 15 oct 2026 - 01:40
Carta al director
Carta al director | La Región

Amigas e amigos:

Con frecuencia Xulio César exclama: “Os mozos e as mozas, os maiores e os nenos, alabade o nome do Señor, o único nome suble”. E ponse a educar ós mozos, e disponse a rezar cos maiores. Xulio C. lémbrame a figura do cura Xoán Bosco xogando en Valdocco, disposto a sacar de cada rapaz o mellor de sí. Non me imaxino ó neno Xulio parado, aínda que llo suplicara Antonio Faílde para moldear o “Neno sentado”. A laboriosidade, a liberdade e a creatividade son as tres cores da bandeira de Xulio desde neno.

Xulio acende nas xentes o desexo de remar mar adentro. E os rapaces, ó seu carón, síntense impulsados polo desexo que quenta os seus corazóns. Así, un rapaz no bosque talará a árbore adecuada. Outro no porto texerá as velas necesarias. Outro golpeará os cravos na forxa. Outro observará as estrelas que aprenden a manter o rumbo. E outro e outro e outro e… todos na mesma obra. Porque construir a barca non é texer as velas, forxar os cravos ou estudar as estrelas. É insuflar nas xentes a nostalxia do “mar adentro” e do ceo cerca. E esa nostalxia une ás persoas no grupo que rema mar adentro na casa salesiana, na que Xulio reza, tala, texe, golpea, observa…

Unha das reflexións que máis lle gustou a Xulio de León XIV na súa visita a España, foi a que dirixíu aos mozos en Madrid na Praza de Lima: “¡Vosotros podéis cambiar la historia!”. Con palabras prestadas por George Orwel, a quen Xulio admira, grita: Se algo significa a liberdade, é o dereito a “decirlle á xente o que non quere oír”. E el segue na oposición, na oposición ao conformismo e ao de sempre, porque sabe que “o que espera por calzado de defunto, anda sempre mal calzado”. E Xulio sempre, ben calzado, loita polos mozos, a xustiza e o galego.

Amigas e amigos, festexamos o seu cumpreanos o día 15 de outubro. Cántos cumpres, Xulio, máis de 50? E nós clamamos: “Onde feitos falan, letras calan” e aplausos sobran. O pintor Fernando Botero dicía que el non pintara unha gorda na súa vida, que él so buscaba “darlle protagonismo ó volume”. Xulio di que el non traballa coas esquerdas nin coas dereitas, so busca darlle protagonismo á xustiza e ós mozos, na súa casa, que é a casa de todos.

Adolfo Requejo Rodríguez

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats