XXXIX Campamentos Urbanos Cidade de Ourense

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 18 ago 2026 - 02:40
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Cando a calor de agosto apreta na nosa benquerida Auria, a Asociación Xuvenil Amencer enche a cidade dunha marea de nenas e nenos, mozas e mozos que participan no Campamento Urbano, o xa tradicional “refresco do verán”.

Co lema “O noso verán, a nosa historia”, 1.004 persoas participaron do 3 ao 13 de agosto na nosa iniciativa de tempo libre educativo libre, aberta e gratuíta que permite gozar do verán acompañadas, redescubrir a cidade e as persoas que a habitan dun xeito lúdico e diferente e consolidarse como alternativa nun mundo moitas veces complexo e hostil.

Para poñer o ramo a esta 39ª edición queremos facer público o noso agradecemento a quen fixeron posible un verán máis seguir vivindo con ilusión o Urbano.

Grazas a todas as nenas, nenos, mozas e mozos que vos apuntastes este verán; convosco seguimos escribindo a nosa historia.

Grazas ás familias que nos confiastes o voso ben máis prezado.

Grazas a todas as animadoras e animadores pola vosa xenerosidade, ilusión, ledicia e compromiso.

Grazas ao Concello de Ourense e á Deputación Provincial por seguir apostando polo Urbano.

Grazas á Obra Salesiana de Ourense polo sostén e apoio sempre e á Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia por compartir este proxecto con nós.

E por suposto, grazas tamén a todas as persoas particulares, aos organismos públicos e privados e ás 204 entidades que incluso desde o anonimato nos acompañastes neste ano da nosa historia.

Tamén grazas aos medios de comunicación por darlle cobertura e visibilidade a esta boa nova; de maneira especial a La Región.

Ourensás e ourensáns, grazas pola vosa acollida e tamén pola vosa paciencia e comprensión.

Vémonos con máis pompas, risas e cores na 40ª edición do Urbano. Bo verán!

Equipo Coordinador

do Campamento Urbano 2026

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats