Cultura e lingua daranse cita no Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas
GALEGO
Castro Caldelas entrega os galardóns o 14 de maio pola tarde en Santa María do Burgo
Castro Caldelas celebrará o vindeiro 14 de maio, ás 19,00 horas, en Santa María do Burgo de Caldelas, a cuarta edición dos Premios Foro do Bo Burgo, unha iniciativa que busca recoñecer o labor a prol da lingua galega en diferentes ámbitos culturais, sociais e profesionais.
Nesta edición serán distinguidas diversas persoas e entidades polos seus méritos en distintos eidos: Simon R. Doubleday no ámbito da historia; Siro López na arte; Maribel Outeiriño no xornalismo; Valentín García na lingua; María do Ceo na música; Ignacio Vilar no cine; Miro Casabella pola canción “O meu país”; Casa da Cuesta pola reconstrución da historia; Fundación Otero Pedrayo no Ano Oteriano; Rosalía Morlán na literatura; Marta Lucio na dirección; Rafael Louzán na xestión deportiva; monseñor Leonardo Lemos no ámbito da fe; Apatrigal na defensa da cultura; e Carmen Eiro Bouza no eido do dereito.
O evento recoñecerá a persoas e entidades polo seu traballo e defensa a prol da lingua galega nos seus distintos ámbitos
Os premios toman o seu nome do Foro do Bo Burgo de Caldelas, considerado o documento máis antigo escrito en galego que se conserva. Datado no ano 1228, trátase dun texto legal atribuído ao rei Alfonso VIII de León que recolle os dereitos e obrigas da veciñanza do Burgo. Aínda que non se sabe con certeza se é o orixinal ou unha tradución ao galego, constitúe unha peza fundamental da historia da lingua, que neste ano alcanza os 798 anos.
A celebración contará tamén coa referencia a figuras históricas vinculadas ao contexto do foro, como Laurentinus Hispanus, destacado canonista medieval, ou Bernaldus II.
Os Premios Foro do Bo Burgo comezaron a celebrarse no ano 2023, coincidindo co 795 aniversario deste documento histórico, co obxectivo de poñer en valor a lingua galega.
Contenido patrocinado
También te puede interesar