Doan a Celanova un cadro da Virxe de Cristal
ARTE
Un cadro obra da pintora celanovesa María Consuelo Fernández Fermoso xa forma parte do patrimonio da vila de San Rosendo
O Concello de Celanova recibiu este mércores a doazón dun cadro da Virxe de Cristal, obra da pintora local María Consuelo Fernández Fermoso (Celanova, 1911 - Verín, 1995). A entrega formalizouse nun acto celebrado na Casa Consistorial, no que participaron familiares da artista e o alcalde, Antonio Puga.
Octavio e Augusto Delgado, familiares da pintora e doadores da obra, explicaron que sempre quixeron que o cadro permanecese na vila natal de Consuelo Fermoso ao coñecer a historia da Virxe de Cristal.
A obra pasará a formar parte da exposición colectiva que se pode visitar na Torre da Homenaxe de Vilanova dos Infantes, comisariada polo escritor Xosé Manuel Del Caño e integrada por pezas de máis de 60 artistas. A mostra pode visitarse este mes de agosto, de xoves a domingo e festivos, de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas.
Parte do patrimonio
Unha vez rematada a exposición, o cadro quedará incorporado ao patrimonio municipal, segundo anunciou o alcalde.
Contenido patrocinado
También te puede interesar