Un estudo en Verín e comarca revela que o racismo non é exclusivo das cidades

REALIDADE NO RURAL

Portas Abertas vén de presentar os resultados dun estudo sociolóxico na comarca sobre racismo estrutural, que conclúe que no rural danse as mesmas dinámicas que nas cidades

Laura Garrido, técnico de Portas Abertas, presentou os resultados.
Laura Garrido, técnico de Portas Abertas, presentou os resultados. | C.L.M.

Seis Centros de Desenvolvemento Rural (CDR) de zonas rurais do Estado, incluída Monterrei a través de Portas Abertas, realizaron un estudo conxunto sobre o coñecido como “racismo estrutural”, un sistema que “mantén e reproduce as desigualdades raciais mediante normas e estruturas sociais”.

Os resultados da investigación na comarca, un programa de Coceder co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, déronse a coñecer recentemente na sede do CDR en Verín, e revelan a existencia deste tipo de racismo tanto nas institucións coma na sociedade, ao igual que nas zonas urbanas. É un fenómeno tan “sutil e normalizado” que mesmo os grupos afectados aprenden a empregalo contra outros grupos discriminados.

Ao longo de seis meses, houbo entrevistas con profesionais de diversos sectores, grupos de debate con persoas racializadas e entrevistas individuais. Tívose en conta a interseccionalidade, é dicir, que as distintas identidades que oprimen e privilexian están interrelacionadas. Unha muller migrante, por exemplo, sofre dobre discriminación: polo sexo e pola orixe.

Malia ser case o 15% da poboación da comarca, un de cada sete habitantes, as conclusións nos cinco eidos analizados (vivenda, emprego, educación, institucións e social) reflicten as problemáticas dos migrantes e as persoas de etnia xitana: precariedade laboral, difícil acceso á vivenda, situacións de vulnerabilidade e abusos, segregación silenciosa nos colexios e trato desigual fronte ás administracións. Así mesmo, agromaron prácticas ilegais como cobrar máis por un alugueiro, un “imposto” polo empadroamento.

No caso concreto das mulleres, os resultados apuntan a que elas reciben menos oportunidades, e levan o peso das cargas familiares. Tamén son sexualizadas e asociadas á prostitución, especialmente as máis novas. Como punto positivo, entre elas tecen redes coas que se informan e apoian.

Integración e prexuízos

Como solucións para atallar o racismo estrutural, pedíronse accións coordinadas en tódolos ámbitos, pero tamén combater o “medo ao descoñecido” que nos leva a manter prexuízos. Ao remate, tivo lugar un debate coa presenza de migrantes. Falouse de “racismo económico”, xa que hai “migrantes de primeira, europeos ou ricos, e de segunda, os pobres ou de fóra do continente”.

Outra das cuestións tratadas foi a importancia de integrar ás segundas xeracións, “que non se sinten cidadáns do seu país de orixe, nin forman parte da sociedade de acollida”.

Contenido patrocinado

stats