Nós, un legado e un camiño

Tribuna

Autoridades presentes, membros do Xurado, representantes das catro fundacións premiadas, amigas e amigos. Para o Goberno Provincial de Ourense, que me honro en presidir, este acto de entrega dun galardón instaurado en 1977, un ano despois do falecemento de Don Ramón Otero Pedrayo, por iniciativa das catro deputacións de Galicia -ó que posteriormente, coa chegada da nosa Autonomía, se incorporaría a Xunta-, adquire unha significación especial. Tal día coma hoxe, hai cen anos e nesta cidade, aparecía, “pra ledicia de todos e pra ensino de moitos”, Nós, o Boletín Mensual da Cultura Galega, Órgao da Sociedade Galega de Pubricaciós.

Se a esta conmemoración, importantísima de seu, pois, como se ten dito, a revista foi o comezo dun período esencial de autoafirmación nos principios que constitúen a nosa identidade diferenciada, marcando un antes e un despois na cultura, na política e no verdadeiro ser de Galicia, lle engadimos a emoción de celebrala neste paraninfo, no Instituto no que estudaron tres dos grandes ourensáns daquela xeración, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López-Cuevillas e no que tamén foron profesores Antón Losada Diéguez e o propio Otero Pedrayo, non é esaxeración ninguna afirmar que estamos facendo historia.

Moi agradecido, pois, ó director e ó claustro de profesores deste centro de ensino por brindarnos a posibilidade de xuntarnos hoxe eiquí, sobre todo nestas especiais circunstancias derivadas da pandemia. A administración que represento -e que como teño dito, é moito máis ca unha provincia-, asumiu, xa de vello, a obriga de promover e velar pola cultura, facer dela o motor de dinamización e desenvolvemento dun territorio ben definido, configurado por xentes traballadoras e creativas ó longo de máis de dous milenios.

Eso é Ourense, a ourensanía, como a definiu Luís González Tosar, no seu manifesto do once de novembro de 2011, constitúe unha peculiaridade, o noso sentimento de pertenza á Terra Nai, parte substancial desta nación cultural á que chamamos Galicia, extendida por todo o mundo.

Os ourensáns e as ourensás experimentamos ese sentimento alí onde nos atopemos, dentro ou fóra, e manifestámolo sempre con orgullo, transformándoo, cada quen na medida das súas posibilidades, en accións que teñen contribuído ás diversas esferas da actividade humana, moi especialmente no eido cultural. Sabíao ben don Ramón Otero Pedrayo, que aportou á investigación, ó pensamento, á literatura, e tamén á política, esa súa dose de ourensanismo, que consiste en interpretar o mundo a partir da realidade máis próxima, da máis íntima e vital.

Será, pois, Otero Pedrayo quen lembre, nun seu artigo dos anos 60 en La Región, o obxectivo e o ambiente daquel grupo de intelectuais que se propuxeron “… elevar a fala galega a unha categoría da que era merecente; tratar na vella lingua dos devanceiros os grandes temas do noso tempo. E así o fixemos, dende Ourense. Vicente Risco na súa pequena mesa-camilla, sempre acugulada de libros e de escritos, no medio do fume do tabaco, entre a discusión acesa e o riso aberto e cordial, arrodeado de amigos, intervindo para suxerir novas ideas, tratando de poñelas, axiña, en práctica. Esixíndonos a cada quen o correspondente traballo, reclamando a colaboración prometida…”.

Correspóndelle a Vicente Risco definir aquel imparable movemento: “Eramos, nunha verba, antigregarios (…) porque dentro nosa, no máis fondo do noso ser, latexaba a ialma de Galiza. Sabiamos que, canto máis individualistas, canto máis finiseculares e románticos, canto máis modernos e soñadores, dariamos chegado ó cerne, á suprema identidade do noso pobo (…).”

Nós comezou sendo unha carpeta de maxistrais debuxos de Castelao, pasou a ser cabeceira da revista, denominou toda unha xeración, impregnou a investigación, as artes, as letras, as ideas, o pensamento político e foi tamén o noso vínculo con Europa e co mundo. Constituíu unha verdadeira marca de Galicia, da de dentro e da de fóra, porque trala barbarie da guerra incivil e da brutal represión, coa consecuencia da longa noite do exilio, NÓS non morreu, trasladouse á outra beira do Atlántico, e alí seguiu agromando.

O pulo, o espírito e os postulados de Nós, unha terra, un pobo e unha fala, perviviron ata a transición democrática e foron os alicerces que urdiron o noso autogoberno, hoxe seguen a ser válidos e vixentes. Todas as forzas políticas galegas deben telos moi presentes, non só como legado, tamén como camiño.

Esa, e non outra, foi a motivación da proposta da Deputación de Ourense; honrar a quen honra. Contribuir a unha maior difusión das obras e do fecundo labor patriótico de Vicente Risco, de Antón Losada Diéguez, de Ramón Otero Pedrayo e de Alfonso Rodríguez Castelao, a través das súas respectivas fundacións que, con encomiable traballo, nos achegan -sobre todo á mocidade actual- á vida e os libros duns homes irrepetibles.

Tampouco quixemos esquecer, como xa se manifestou, a memoria do pai da nosa arqueoloxía, Florentino López-Cuevillas e a palabra do poeta da Raza, Ramón Cabanillas.

Remato expresando o meu convencemento de que o rico poliformismo de Galicia segue a estar aí, podémolo albiscar -en afortunada metáfora de Xosé Luis Méndez Ferrín, outro dos grandes ourensans, premio Otero Pedrayo 2012- no fondo dos espellos. De nós e de vós depende. Como eles dixeron, hai cen anos, o tempo e o mundo no-lo demandan!

Saúde e terra!

Discurso pronunciado

polo presidente da

Deputación na entrega dos galardóns Otero Pedrayo.

Contenido patrocinado

stats