Pauliña, dos Viños á alfombra vermella

De Cambados pero co corazón en Ourense, Paula Chaves debutou onte no cine con “O home e o can”. A poucas horas da estrea mundial, lembra cando poñía copas no Casco Vello e o que lle cambiou a vida nestes últimos dous anos.

Paula Chaves aborda su carrera artística

Nin o pensou nin o soñou: Paula Chaves, coñecida como Pauliña na música, debutou onte no cinema coa estrea mundial de “O home e o can”, a cinta de Ángel de la Cruz no que interpreta a outra Paula, unha nena que vén dunha familia desestruturada e se atopa soa e perdida cando coñece ao ancián Manuel (Manuel Manquiña). Aínda que é de Cambados, a agora actriz Paula Chaves leva toda a vida vinculada a Ourense. Aquí chegou moi nova cando, igual que a protagonista de “O home e o can”, se atopaba moi perdida. Agora que pisa a alfombra vermella do OUFF de regreso na cidade, a xente pregúntalle: “E ti, por aquí?”. E ela responde: “Pois nada, acordábanse de min de cando poñía copas nos pubs e agora veño presentar unha película”.

A vida cambioulle moito nestes últimos dous anos. “Ían facer en Cambados un programa e ofrecéronme facer de ‘cicerone’ ensinando lugares con encanto no concello. Non quería porque non me gusta a tele, pero dixen que si porque hai moitos lugares bonitos. E coñecín a Ángel de la Cruz. Un ano e medio despois chámame e dime que leva todo ese tempo pensando en min e que cre que son Paula, a da película. Deume o guión e veume bastante grande, pero xa no primeiro día saiume a canción para a película”, explica.

Debutar en Ourense é moi importante para Paula. “Son unha rapaza de Cambados pero moi nova marchei de casa. Por traballo viñen a Ourense soa, con 18 anos. Non coñecía a ninguén pero á segunda noite xa tiña un fogar. Hai moita cultura, un mundo de día e de noite, moita música, os bares de marcha… Para min non é que sexa importante, senón que é o máis importante da miña vida, porque esas experiencias marcáronme moito”. Pauliña compuxo o seu primeiro disco en Ourense, no Miudiño gravou o seu primeiro videoclip e o festival OurenRock acolleuna a ela e a súa banda.

“O home e o can” abriulle oportunidades nun mundo no que non pensaba antes. “Desde nena son moi fan do cinema pero non me esperaba na miña vida facer unha película. Non me gustaba ir ao colexio e vía películas. Ángel sorprendíase de que eu soubera o que é o neorrealismo, pero é que eu crecín con iso, vendo películas en branco e negro coa miña avoa”.

Sen rodeos, admite que se identifica coa personaxe. “E foi bastante duro. No momento en que Ángel me chama, a min o coronavirus cambiarame para ben. Apunteime á universidade, quería avanzar e ver outras cousas. Paula era como volver a escuridade que tanto me custou sacar da miña vida persoal. Pero penso que está moi ben representada a mocidade da miña época, na que estás perdida e vas buscándote a vida. É o que fixen e o que seguirei facendo”.

Contenido patrocinado

stats