Luís Celeiro: "Se desaparece o rural, desaparece a cultura de Galicia; perdemos o país"
FORO LA REGIÓN
O escritor e xornalista Luis Celeiro é o protagonista do Foro La Región do mércores 17 de decembro
O xornalista e escritor Luís Celeiro (Samos, 1955) visita o mércores, 17 de decembro, o Foro La Región para presentar “Andares”, a súa última obra. O libro recompila 160 artigos da súa recoñecida sección semanal “A Tía Manuela”, que publica cada mércores neste xornal, ofrecendo unha ollada lúcida e crítica sobre a realidade de Galicia a través do filtro do “sentidiño” e a sabedoría rural.
Pregunta.O título do libro, Andares, parece unha declaración sobre o paso do tempo. Ao reler estes artigos de hai unha década, sente que Galicia avanzou ou andamos en círculos?
Respuesta.A sensación é complexa. Teño a sensación de que nuns aspectos Galicia avanzou moito. De feito, atreveríame a dicir que Galicia avanzou máis nos últimos 50 anos que o que avanzara desde a Idade Media ata os anos 60 do século pasado. A miña xeración viu como pasabamos de andar agarrados á rabela do arado romano a un mundo totalmente distinto. Pero noutros aspectos detívose e, baixo o meu punto de vista, empeorou notablemente. Refírome á desfeita extraordinaria que se produciu nestes últimos anos na zona rural. Onde antes había aldeas con xente, hoxe non hai nada. As casas están derrubadas sobre si mesmas. Creo que esa desfeita había que parala. Era urxente procurar que o rural tivera sentido e forza. Ese é un traballo que temos que facer entre todos, de modo moi especial nas provincias de Lugo e de Ourense.
P.A gran protagonista destas crónicas é a tía Manuela, que representa ese “sentidiño” rural. É un personaxe real ou un recurso literario para dicir as verdades que ás veces o xornalismo académico non se atreve a dicir?
R.É as dúas cousas, pero tamén é profundamente real. En cada aldea de Galicia había unha persoa que actuaba con esa sensatez esmagadora, que daba consellos e animaba aos traballos colectivos. A tía Manuela é esa realidade obxectiva: unha personaxe que, se non existise, tiña que existir para explicarnos a nós mesmos. A través dela intento usar a normalidade e o sentido común para analizar a realidade do país, algo que entenden tanto a miña xeración como as novas, porque se hai reflexión, as arelas de mellora son universais.
P.Nun dos capítulos fala do lume como unha condena cíclica. Non aprendemos?
R.É unha das condenas das que non aprendemos. O lume é o síntoma dun problema maior: a falta de conciencia. A poboación ten que decatarse de que o coidado do medio ambiente é o coidado dun mesmo. Non hai nada que destrúa máis que o lume. Se perdemos a conexión coa terra, perdémolo todo, porque a terra é o absolutamente real. Esta realidade hai que impedir que se perda, e aí os medios de comunicación locais, como La Región, xogan un papel fundamental para manter á poboación orientada e conectada co seu entorno.
P.Dedica moito espazo ao despoboamento e á soidade. A “Galicia baleirada” ten solución ou estamos escribindo o seu obituario?
R.Son realista: creo que é difícil recuperar o mundo rural tal e como o coñeciamos, pero hai que facelo por todos os medios. É un imperativo. Hai que respectar e poñer en valor eses activos da zona rural e obrigar aos políticos a que lle presten atención real. Porque se desaparece o rural, non só desaparecen casas; desaparece a cultura mesma de Galicia. Se desaparece isto, desaparece o país tal e como o entendemos.
P.Vostede é moi crítico nos seus textos coa clase política actual, especialmente coa arrogancia. Cre que a política perdeu o seu valor?
R.Non son crítico coa política, son crítico cos políticos arrogantes. Estes días vese como algúns rozan a insensatez. Creo que hai que esixirlles que actúen con responsabilidade, igual que a calquera outro profesional. Persoalmente, teño unha teoría: os políticos non deben ser “profesionais” eternos. Se eu mandase, establecería unha limitación de mandatos. Sería moi conveniente e hixiénico para o país evitar esa prolongación indefinida no poder.
P.Nun mundo globalizado, que papel lle queda ao galego?
R.O galego non é ningunha reliquia, é o sinal de identidade máis grande que temos. Marca e define quen somos. Pero ademais, é unha lingua útil que axuda ao entendemento internacional. O que pasa é que estamos nunha situación onde a tecnoloxía e a uniformidade ameazan as identidades; se ás veces non se pode nin escribir o “ñ” de España, imaxina o galego. Temos a obriga de defendelo e frear eses afáns que nos borran.
P.Para rematar, se a tía Manuela tivera que darnos un consello para o futuro, cal sería?
R.Creo que nos diría que hai que ter esperanza, pero unha esperanza baseada no coñecemento. En Galicia temos universidades brillantes e moito talento. O consello sería: hai que estudar, hai que traballar e non renderse nunca. Non abandonar nunca a tarefa de reivindicar melloras sociais e, sobre todo, manter o respecto ás persoas. Sen respecto, non hai futuro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DETRÁS DE LAS CÁMARAS
Taylor Swift se despide del The Eras Tour con su nueva docu serie "The End of an Era"