Galicia duplicará o investimento en seguridade viaria ata os 850 millóns de euros en 2030

52 MEDIDAS CONTRA A SINESTRALIDADE

O programa contempla 52 medidas para mellorar as estradas autonómicas, reducir os puntos de maior sinistralidade, protexer os usuarios vulnerables e reforzar a prevención dos accidentes ata 2030

Accidente con atropelo mortal na parroquia de Areas, en Sanxenxo, en maio.
Accidente con atropelo mortal na parroquia de Areas, en Sanxenxo, en maio.

A Xunta aprobou o novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia Horizonte 2030, que prevé mobilizar preto de 850 millóns de euros entre 2026 e 2030. O investimento máis que duplica os 363 millóns reservados para o programa anterior, correspondente ao período 2022-2025. O documento reúne 52 accións agrupadas en cinco eixes estratéxicos, co obxectivo de reducir os accidentes nas estradas de titularidade autonómica e as súas consecuencias.

A dimensión do problema dá unha idea do alcance do compromiso. Galicia rexistrou en 2024 un total de 4.238 accidentes de tráfico con vítimas, nos que resultaron afectadas 5.974 persoas. Delas, 130 faleceron e 5.844 sufriron feridas, segundo o Anuario estatístico de accidentes da Dirección Xeral de Tráfico, recollido polo Instituto Galego de Estatística. Dos accidentes contabilizados, 2.513 producíronse en estradas e 1.725 en zonas urbanas. Os falecidos distribuíronse entre 100 nas estradas e 30 nas cidades e vilas.

O novo Plan pretende actuar sobre unha rede viaria extensa e repartida entre distintas administracións. A súa intervención céntrase nas estradas autonómicas, polo que a coordinación co Estado, as deputacións e os concellos será necesaria para abordar os problemas que afectan ao conxunto da mobilidade galega.

Estradas máis seguras

O primeiro eixe busca conseguir estradas máis seguras. Inclúe a identificación e o tratamento dos tramos de concentración de accidentes, a mellora de interseccións, accesos e marxes, as tarefas de conservación e as medidas para reducir os sinistros provocados pola irrupción de animais na calzada. Tamén se anuncia un reforzo dos valados perimetrais nos puntos onde sexa necesario para evitar ou reducir a entrada de fauna nas vías.

O segundo céntrase na protección dos usuarios vulnerables: peóns, ciclistas, motoristas e persoas que utilizan vehículos de mobilidade persoal. Entre as actuacións figuran a construción de beirarrúas, sendas peonís e carrís bici, a mellora das paradas de autobús e a instalación de sistemas de protección para motoristas nas barreiras de seguridade. Os outros tres eixes completan a intervención. Un deles promove vehículos máis seguros e o control das condutas de risco; outro aposta pola educación e a formación viaria; e o último pretende mellorar a resposta posterior aos sinistros.

O investimento anunciado é o principal dato económico do Plan, pero a súa eficacia dependerá da distribución dos recursos e da concreción das actuacións. A nota de aprobación non detalla canto se destinará a cada unha das 52 accións nin establece un calendario individualizado para todas elas. O documento incorpora un modelo de gobernanza e seguimento para avaliar o seu cumprimento.

O plan aliñase coa Estratexia de Seguridade Viaria 2030 da DGT e coas políticas europeas, que establecen como meta reducir á metade o número de persoas falecidas ou feridas graves en accidentes de tráfico. A Xunta sitúa o programa nese horizonte, pero o importante será transformar os recursos anunciados en intervencións medibles.

Pontevedra, a provincia con máis sinistros

A Coruña e Pontevedra concentraron no 2024 o maior número de sinistros, con 1.713 e 1.737, respectivamente, fronte aos 391 de Lugo e os 397 de Ourense. A distribución das vítimas tamén reflicte diferenzas territoriais: Pontevedra contabilizou 2.493 persoas afectadas; A Coruña, 2.398; Lugo, 540; e Ourense, 543. A gravidade dos accidentes foi maior nas vías interurbanas -90 accidentes mortais e 100 falecidos-; nas zonas urbanas houbo 30 accidentes mortais e outros tantos falecidos. Do total de persoas feridas, 3.695 correspondían a accidentes en estrada e 2.149 a sinistros urbanos.

Case cen feridos graves entre os peóns nun ano

A seguridade viaria tamén se xoga nas rúas e nos núcleos de poboación atravesados por estradas. O novo plan inclúe a construción de beirarrúas e sendas peonís, a mellora dos pasos de peóns e das paradas de autobús e a protección dos usuarios vulnerables. A cuestión será determinar en que travesías se actuará primeiro.

Os datos da Xunta e da Dirección Xeral de Tráfico dan conta dun problema que afecta especialmente aos peóns. En 2024 producíronse 1.725 accidentes con vítimas en zonas urbanas de Galicia, con 2.179 persoas afectadas, das que 30 faleceron e 2.149 resultaron feridas, segundo a estatística da DGT. Entre os peóns atropelados nas vías urbanas contabilizáronse 16 falecidos, 99 feridos graves e 446 leves.

A situación tamén é preocupante nas estradas autonómicas que atravesan núcleos habitados. A Memoria de Seguridade Viaria da Xunta rexistrou 78 atropelos en 2024, con oito peóns falecidos, trece feridos graves e 58 leves. Deles, 60 producíronse en travesías e 18 en treitos de estrada. Case o 77% dos atropelos tivo lugar, polo tanto, en zonas onde a circulación de vehículos convive cos desprazamentos peonís. A evolución dos últimos anos tampouco invita ao optimismo: os atropelos na rede autonómica pasaron de 43 en 2020 a 78 en 2024. A cifra aumentou un 81%, aínda que o primeiro ano da serie foi o da pandemia.

As cifras que non deixan de medrar: un 28% máis desde o 2020

A sinistralidade nas estradas galegas recuperou e superou os niveis anteriores á pandemia. Segundo a serie histórica da Memoria de Seguridade Viaria da Xunta, os accidentes con vítimas na rede viaria galega pasaron de 2.065 en 2020 a 2.224 en 2021, 2.381 en 2022, 2.484 en 2023 e 2.512 en 2024. O balance interurbano de 2025 elevou a cifra a 2.638, un 28% máis que en 2020 e un 5% por riba do ano anterior.

A evolución debe interpretarse tendo en conta a redución excepcional da mobilidade durante a pandemia. Pero a tendencia dos últimos exercicios evidencia que o aumento da circulación non foi acompañado dunha diminución dos sinistros.

A Xunta aposta por actuar sobre as infraestruturas, protexer os usuarios máis expostos, mellorar o control dos comportamentos de risco e reforzar a resposta dos servizos de emerxencia.

Puntos críticos

Un dos eixes principais céntrase na identificación e corrección dos puntos máis perigosos da rede autonómica. Para iso, prevé actualizar a relación de treitos de concentración de accidentes e establecer actuacións específicas en cada un deles. O balance de 2025, analizado pola Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade Viaria, contabilizou 96 persoas falecidas nas estradas interurbanas galegas, seis máis que en 2024. As saídas de vía convertéronse na principal causa de mortalidade, con 43 vítimas, fronte ás 24 do ano anterior. Pola contra, os falecementos en colisións frontais baixaron de 26 a 19.

Usuarios vulnerables

Os usuarios vulnerables concentraron 39 dos 96 falecementos: 22 motoristas, 15 peóns, un ciclista e unha persoa usuaria de ciclomotor. Ademais, 86 persoas perderon a vida en estradas convencionais e outras vías interurbanas, fronte ás dez rexistradas en autoestradas e autovías. As cifras explican a dimensión do desafío: non abonda con actuar sobre os puntos negros máis coñecidos. A prevención das saídas de vía e a protección dos colectivos máis expostos aparecen como prioridades.

Contenido patrocinado

stats