Galiciencia, dúas décadas de ciencia e de innovación entre a mocidade

XÓVENES TALENTOS CIENTÍFICOS

Galiciencia, a maior feira científica galega celebrou a súa XX edición con proxectos de saúde mental na Tecnópole, baixo o lema "Neurociencia e saúde mental"

Galiciencia. Foto de conxunto dos premiados coas autoridades
Galiciencia. Foto de conxunto dos premiados coas autoridades | La Región

Con dúas décadas de exitosa traxectoria que a avalan coma un referente entre a comunidad educativa autonómica, Galiciencia, a maior feira científica, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) - en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, amosou todo o potencial científico e tecnolóxico dos escolares nunha edición celebrada baixo o lema “Neurociencia e saúde mental”.

Esta XX edición contou coa participación de 115 proxectos. Deles, 72 corresponderon ós niveis de Secundaria, Bacharelato e FP (50 presenciais e 22 online) e os 43 restantes, a Primaria (30 presenciais e 13 en liña). Houbo propostas moi variadas e dos campos máis diversos, se ben a maior parte dos proxectos impulsáronse en sintonía coa temática da neurociencia e a saúde mental.

Robótica, trucos de maxia, intelixencia artificial… Todo tipo de tecnoloxías foron empregadas para desenvolver proxectos enfocados a cuestións tan variadas como mellorar as emocións dos usuarios, enganar ó cerebro, a influencia da meteoroloxía no estado de ánimo das persoas, a saúde mental nos deportistas ou mesmo o estrés nas formigas, entre outras ideas sorprendentes e innovadoras.

Os premiados

Así ata sumar máis dun cento de solucións innovadoras para problemas da sociedade actual, tanto a nivel individual como do conxunto do planeta. O alto nivel desta vixésima edición serviu de espello do potencial científico dos estudantes, pero só oito foron os premiados, entres os que salientaron catro proxectos ourensáns.

Marta Lama Fernández, con su proyecto "Mente activa", ganadora de Galiciencia
Marta Lama Fernández, con su proyecto "Mente activa", ganadora de Galiciencia | La Región

Foi Marta Lama, do IES Rosalía de Castro de Santiago, a que acadou o máis alto galardón pola súa proposta “Mente activa”; unha caixa de xogos para persoas con enfermidades neurodexenerativas, como Alzhéimer e Párkinson, que presentan un deterioro cognitivo leve.

En segundo lugar, o equipo formado por Daniel Díaz e Carlos Fernández, do CPR Divino Maestro de Ourense, co seu deseño de “SaudApp”, unha solución dixital sinxela e eficaz para que calquera persoa poida coidar a súa saúde mental.

Dende Vigo chegou o proxecto de Eila Lago e Daniela García, do Colexio María Auxiliadora, centrado na transformación de papel reciclado, materia orgánica, cinza e outros refugallos nun biocombustible eficiente e sustentable, denominado termoecobriks de biomasa.

Gañadores do desafío científico “Atrévete coa mente!", de Galiciencia
Gañadores do desafío científico “Atrévete coa mente!", de Galiciencia | La Región

Ademais destes tres primeiros galardóns, o palmarés de Galiciencia complétase con outros recoñecementos máis específicos. É o caso do proxecto máis innovador, o impulsado por Alejandro Fernández e Sergio Vales, do IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra) propoñendo xerar electricidade de forma sostible e eficiente mediante a instalación de microturbinas nos canalóns das vivendas e edificios para aproveitar a forza da auga da chuvia.

Pola súa banda, o mellor método científico empregárono Roi Blanco e Elena Carro, do IES Rosalía de Castro de Santiago para poñer en marcha un sistema que permite detectar se os pasaxeiros levan o cinto de seguridade abrochado, co fin de reducir as vítimas ante un posible accidente de tráfico.

Os alumnos explícanlle os seus proxectos ós visitantes en Galiciencia
Os alumnos explícanlle os seus proxectos ós visitantes en Galiciencia | La Región

En feminino

Galiciencia fala en feminino e, por iso, tamén contan cun galardón para o mellor proxecto liderado por unha alumna. Neste caso viaxou ata o colexio Pablo VI da Rúa para recoñecer a Cintia Pérez e Iago Fernández pola súa proposta de fabricación dun filtro caseiro para eliminar deterxentes e suavizantes presentes na auga residual da secadora, o que permite a súa reutilización en rega e acuarios.

E seguindo o lema deste ano, o mellor proxecto de “Neurociencia e saúde mental” foi o presentado por María Rodríguez, do Colexio Maristas Santa María de Ourense. No seu caso desenvolveu un estudo para analizar os hábitos da poboación, co fin de determinar que factores poden reducir o risco de padecer Alzhéimer.

No tocante ós niveles educativos, Borja García e Sergio Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra), acadaron o premio ó mellor proxecto de FP polo deseño dun sistema de xeración de enerxía sostible para a carga de baterías, tanto de diferentes tipos de vehículos como de dispositivos eléctricos.

A presente edición de Galiciencia contou con 115 proxectos de primaria, secundaria, bacharelato e tamén de FP

Tódalas solucións formuladas polos alumnos buscaban darlle resposta a cuestións sociais, de xeito que Galiciencia tamén reserva un recoñecemento baseado na mellor valoración popular. Este ano foi para Iago Calvelo e Mateo Leránoz, do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago. O equipo partiu da idea de que certas intervencións externas, como a música ou mensaxes motivacionais, poden xerar cambios positivos no estado de ánimo e, por iso, deseñaron un robot que actúa como sistema terapéutico, mediante o recoñecemento de emocións e a xeración de respostas adecuadas.

E, como non se trata só de facer ciencia, senón tamén de explicala, o premio á mellor comunicación recaeu en Roque López e Irene Díaz, de Aulas Tecnópole, que fabricaron unha palliña para a filtración de auga doce.

Potencial científico

Coa entrega destes galardóns concluíron tres días nos que a Tecnópole se converteu en escenario do importante potencial científico que existe entre a mocidade galega. Neste acto central participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Estivo acompañada da alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Javier Rodríguez; o secretario da Confederación de Empresarios de Ourense, Jaime Pereira; a directora do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, María Jesús Carnero.

Numerosos visitantes de varias provincias galegas e tambén de outras comunidades compartiron as súas experiencias e proxectos nunha xornada viva e colaborativa
Numerosos visitantes de varias provincias galegas e tambén de outras comunidades compartiron as súas experiencias e proxectos nunha xornada viva e colaborativa | La Región

E, para celebrar estes 20 anos de ciencia, o ourensán Carlos Nieto, primeiro gañador de Galiciencia en 2006, que na actualidade traballa como neurocientífico en Moscú conectouse online para falar sobre a súa experiencia.

Actividades paralelas

Como cada ano, ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial participou en dous talleres diferentes. Por unha banda, na experiencia “Ver para crer” a rapazada estase a mergullar no mundo das ilusións ópticas para descubrir que non sempre podemos crer o que nos din os nosos ollos. Alí, mesmo tiveron a oportunidade de crear a súa propia ilusión óptica.

O outro obradoiro, titulado “Neuropróteses: do cerebro á máquina”, centrouse no importante papel dos exoesqueletos, cos que se consegue que os órganos executen as ordes que envía o cerebro. Os participantes coñeceron como esta tecnoloxía que parece tan futurista é empregada a diario por miles de persoas arredor do mundo, e que, sen ela, a súa vida sería moito máis complexa.

Durante os últimos 20 anos, Galiciencia foise consolidando como a maior feira científica de Galicia e un lugar de referencia para os alumnos con vocacións de ciencia e tecnoloxía.

Se ben son tres os días grandes desta feira científica, Galiciencia comeza moito antes. Unha das citas de referencia é o concurso de camisetas para cada edición, que este ano deseñou David Devesa González, alumno de sexto curso do CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia. Baixo o título “A neurociencia”, o seu debuxo amosaba un cerebro moi risoño, colorido e enérxico, do que saen elementos que irradian moita positividade, como varios corazóns, estrelas, ideas… e tamén sorpresas e incógnitas.Un xurado de expertos decidiu a proposta gañadora, da que se valorou a súa creatividade e a conexión coa temática desta edición da feira. E foi el quen ilustrou as camisetas que recibiron tódolos participantes.

Ó mesmo tempo, tamén se desenvolve un concurso fotográfico a través de Instagram, que este ano gañou Aitana Sierra, do colexio Miraflores do Pereiro de Aguiar, coa imaxe “Diferentes xeracións, diferentes pensamentos, diferentes mentalidades”, na que reflicte a unión entre os membros dunha mesma familia. Na categoría de docentes, o premiado foi Javier Fondevila, do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coa instantánea “Patrón de Moiré como ilusión óptica”. 

Lorenzana: "Galiciencia é indispensable para seguir impulsando o progreso e o coñecemento"

Ademais do éxito de participación e da celebración do seu XX aniversario, esta edición de Galiciencia comezou co recente recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que acordou conceder “por unanimidade” o Premio RAGC de Divulgación Científica 2025 a este evento. A Academia destacou o seu “magnífico labor de potenciar, divulgar e comunicar a ciencia, fomentando o o espírito innovador e emprendedor entre os participantes e contribuíndo ao desenvolvemento de vocacións científicas entre a mocidade”. 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e outras autoridades cos nenos e os organizadores de Galiciencia
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e outras autoridades cos nenos e os organizadores de Galiciencia | La Región

Ó remate do acto, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou o labor de Tecnópole como organizador deste certamen que contribúe a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos, algo “indispensable para reducir a fenda de xénero nestas disciplinas e seguir impulsando o progreso e o coñecemento”.

Galiciencia botaba a andar en 2006 como unha iniciativa pioneira co nome de “Expociencia”. Daquela reunía a pouco máis dunha ducia de proxectos nunha única xornada, mentres que na actualidade supéranse o centenar de propostas durante tres días, tanto de xeito presencial como online, amosando o talento que se agocha nos centros educativos de Galicia e doutras comunidades autónomas. Neste tempo consolidouse como unha cita de referencia para a mocidade, que presenta proxectos e solucións creativas e moi innovadoras.

Galiciencia en cifras

Deste xeito, Galiciencia conmemorou o seu 20 aniversario lembrando que ó longo destas dúas décadas pasaron polo certame máis de 46.000 visitantes, presentáronse máis de 1200 proxectos e en cada edición cóntase coa participación de 40 centros de toda Galicia e doutras comunidades.

Estudiantes en la última edición celebrada de Galiciencia
Estudiantes en la última edición celebrada de Galiciencia | La Región

Esta edición contou con proxectos vencellados tanto ó tema central como a outros, sumando a participación duns 225 rapaces e rapazas de 46 centros de toda Galicia, País Vasco, Cataluña, Andalucía e Canarias. Ademais, asistiron á feira con visitas organizadas unhas 2.000 persoas e seleccionáronse un total de 115 proxectos aglutinando este ano a máis de 3.500 participantes.

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira complementouse con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, realizáronse talleres, espectáculos, concursos e ata un programa de radio.

Todo isto para celebrar que, durante os últimos 20 anos, Galiciencia foise consolidando como a maior feira científica de Galicia e un lugar de referencia para os alumnos con vocacións de ciencia e tecnoloxía. Agora, coa mirada no 2026, xa comezan a traballar no novo tema, a ciberseguridade.

Contenido patrocinado

stats