Rueda acusa ao BNG de querer secuestrar o galego

BRONCA NO PARLAMENTO

Bronca no Parlamento cunha dura intervención de Ana Pontón sobre “o acoso e derrrubo” do idioma

Alfonso Rueda, onte, durante o debate parlamentario.
Alfonso Rueda, onte, durante o debate parlamentario. | LA REGIÓN

A situación do galego converteu en bronca a sesión de control no Parlamento deste mércores, onde, entre críticas a “17 anos de acoso e derrubo” á lingua propia de Galicia, o presidente, Alfonso Rueda, negou que o galego estea “en perigo”. “O que está en perigo, se non se lles para, é a liberdade en Galicia. Tamén a lingüística”, espetoulle á líder do BNG, Ana Pontón.

Pontón ensinoulle a Rueda unha fotografía de 2009 na que participaba, xunto con outros dirixentes populares, nunha manifestación organizada por Galicia Bilingüe. “Aquí estaba vostede na pancarta. En contra do galego. Sabe como se chaman agora os seus compañeiros de pancarta? Hablemos español”, reprochoulle.

“Carautas fóra, señor Rueda. Leva vostede 17 anos traballando contra o galego”, continuou a dirixente nacionalista, á que Rueda acusou de intentar “apropiarse” dunha lingua que é “de todos”. “Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe”, engadiu o presidente, que admitiu “retos” como lograr que máis mozos falen galego, pero instou ao Bloque a non facerlles “odiosa” a lingua cos seus “plantexamentos” de “impoñer, impoñer e impoñer”.

Aínda que o debate evidenciou posicións opostas, e pendente de presentar o borrador, Rueda fixo un chamamento ao Bloque para que “intente sumarse ao consenso social e aos traballos que se están facendo para pechar un documento do pacto pola lingua”, no canto de manter a súa postura “de sempre” de “primeiro dicir non, logo saírse e despois rebentalo”.

“Pois non eran tantos o domingo”, contrapuxo Rueda antes de defender as medidas do Executivo autonómico para promover o uso do galego e reivindicar o pacto que agora impulsa “con moitísima xente”. “Quen falta? Vostedes, coma sempre”, continuou o presidente, que suxeriu que o Bloque boicotea esa iniciativa.

“Fan o de sempre en tres fases: primeiro, non; logo voume despois intento rebentalo desde fóra”, afirmou

Rueda lembrou que o BNG concorreu ás eleccións autonómicas “defendendo a independencia de Galicia e o monolingüismo en galego”, mentres o PP defendía “o contrario”, e subliñou que os cidadáns lle deron a maioría absoluta nas urnas. Nesta conxuntura, o presidente remarcou que Galicia “non é nacionalista nin independentista”, senón unha terra “orgullosa da súa lingua e da súa cultura”. “Galicia é orgullosamente libre e orgullosamente bilingüe”.

O presidente concluíu acusando ao Bloque de “secuestrar o galego para facelo seu antes que facelo de todo o mundo”.

Contenido patrocinado

stats