Lecturas de fin de ciclo, a un ano das xerais

Publicado: 21 may 2026 - 03:10
Lecturas de fin de ciclo, a un ano das xerais
Lecturas de fin de ciclo, a un ano das xerais | José Paz

Vencer non é igual a gobernar. O 17 de maio, Andalucía votou cunha taxa de participación non vista nas últimas cinco convocatorias e produciu un resultado que a mera crónica electoral non acada a explicar. Moreno gañou sen paliativos nas oito provincias, pero perdeu cinco escanos e a maioría absoluta. Vox case non medrou en sufraxios, pero está en condicións de recuperar o poder institucional perdido en 2022. O PSOE mellorou votos con respecto ás pasadas en termos absolutos e acadou o seu chan histórico en escanos. Tres paradoxos que requiren análise alén do escrutinio ordinario.

O fracaso da “vía andaluza” deixa ao PP sen modelo para as xerais. Juanma Moreno apuntalou durante dúas lexislaturas unha estratexia baseada nunha premisa: vencer desde o centro político cunha maioría suficiente para gobernar sen Vox. Mais sen maioría, a moderación non implica autonomía e xera dependencia dos mesmos que se pretendía reducir á irrelevancia. A contradición é estrutural, non conxuntural. O 17-M reabre o debate entre o modelo centrista de Andalucía e Galicia, e o identitario de Ayuso. Feijóo afronta a recta final das xerais sen saber cal dos dous camiños conduce á Moncloa.

A ultradereita non precisa gañar para acumular poder. George Tsebelis demostrou no seu clásico Veto Players que os actores críticos dos sistemas democráticos non son necesariamente os que acumulan máis votos, senón aqueles cuxa aprobación é imprescindible para calquera decisión política. Vox exemplifica a teoría elección tras elección. Con menos do 14% dos sufraxios condiciona a investidura andaluza, impón a “prioridade nacional” como prezo de partida e obriga a Moreno a desmentir a súa campaña, onde identificaba os ultras con “caos” e “lío”. Abascal non precisa crecer máis. Abóndalle con ser imprescindible para o PP.

O bipartidismo está clinicamente morto. En 2011, PP e PSOE sumaban preto do 74% dos votos nas eleccións xerais. Nestes comicios andaluces non chegaron ao 65%, e a tendencia é descendente en cada convocatoria. O PP só conserva tres maiorías absolutas en todo o Estado. Agás na Rioxa, Madrid e Galicia, en ningún outro territorio autonómico un partido pode gobernar en solitario. Os veto players achegan un poder desproporcionado respecto do seu peso electoral, e quen domina esa posición -máis que quen gaña- ten a chave dos executivos. O bipartidismo non morreu de todo, pero foi substituído por algo moito máis imprevisible.

O ciclo electoral confirma que a deriva cara á dereita non é conxuntural. O bloque conservador medrou respecto das xerais de 2023 en todas as citas recentes coas urnas: un punto en Castela-León, catro en Aragón, seis en Andalucía e nove en Estremadura. O barómetro de 40dB para El País do pasado 4 de maio situaba a suma das dereitas arredor do 51% fronte ao 37% das esquerdas. O 51% dos votantes de entre 18 e 29 anos optaron por candidaturas conservadoras en 2025, fronte ao 17% que se rexistraba en 2014. Este xiro ideolóxico xuvenil consolídase como muda estrutural que a esquerda non soubo ler e semella incapaz de reverter.

O voto de esquerda alternativo premia a identidade territorial e penaliza a agregación de forzas estatais. Adelante Andalucía é, por vez primeira, un partido con enraizamento propio no espazo alternativo da esquerda na comunidade máis poboada de España. O fenómeno existe desde hai anos noutros territorios: o BNG en Galicia, ERC en Cataluña, EH Bildu en Euskadi, a Chunta en Aragón, Compromís en Valencia, MÉS en Baleares. Estas forzas apelan a cuestións identitarias e de proximidade, reforzadas fronte ás estruturas estatais. Sucesivos intentos de confluencia baixo siglas unitarias derivaron en organizacións sen arraigo que o electorado foi sancionando.

Os partidos que se refuxian nas institucións perden o pulso coa cidadanía. O PSOE pasou de rozar o 50% nas andaluzas hai vinte anos ao 22,71% actual, con independencia do candidato e a estratexia. Peter Mair demostrou en Ruling the Void que cando un partido substitúe a representación dos seus electores pola xestión do Estado, perde o contacto coa súa base de forma irreversible: os militantes vanse, a identificación partidaria dilúese e o electorado deixa de recoñecerse nas siglas. Enviar ministros en activo a encabezar candidaturas territoriais é unha expresión acabada dese proceso, onde a organización non xera líderes con raíces, só xestores incapaces de mobilizar a quen din defender.

A incapacidade intrínseca dos partidos para a autocrítica. Canto máis se acumulan as derrotas e máis irreversible semella o declive, máis ríxida se torna a organización na defensa das súas decisións. O fenómeno non é exclusivo do ámbito estatal. Reprodúcese nas escalas autonómica e municipal cada vez que unha formación prefire o relato reconfortante á incómoda diagnose. O día despois da cuarta derrota autonómica consecutiva e sen paliativos, Ferraz defendeu a estratexia que viña de fracasar. Tal e como documenta a ciencia política, non é irracionalidade: quen controla o aparato ten todos os incentivos para xustificar as súas decisións, e ningún para cuestionalas.

Contenido patrocinado

stats