GOBERNO DA XUNTA
Rueda enmarca os cambios nun equipo “que funciona”
GOBERNO DA XUNTA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este martes no Pazo de Raxoi á toma de posesión de Ángeles Vázquez como nova conselleira de Política Social e Igualdade e de Nicolás Vázquez como novo conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, nunha aposta pola continuidade no Executivo galego, ao que o seu titular se referiu como “un equipo que funciona”.
Os novos conselleiros tomaron posesión dos seus cargos, ambos coa fórmula do xuramento. E ambos interviñeron nun acto solemne no Pazo de Raxoi, no que o presidente galego, Alfonso Rueda, deulles a benvida, á vez que reivindicou a “continuidade” no seu Goberno e tirar de fichaxes “da casa” para pechar unha remodelación que, recoñeceu, “non faría” de non verse abocado a ela pola decisión do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de incorporar a Fabiola García á candidatura ao Congreso pola Coruña.
Rueda reafirmou que o seu Goberno “funciona” e afirmou que no Consello da Xunta senta rodeado por “un equipazo”. Neste escenario, definiu a Ángeles Vázquez como “unha aposta segura” e “un todoterreo” que xa pasou por distintos departamentos da Xunta -onde é unha das conselleiras máis veteranas, xunto con Román Rodríguez (Educación)-. O presidente resaltou que a melidense acumulou unha ampla experiencia na xestión de áreas complexas e de enorme valor en Galicia, como Medio Rural e Medio Ambiente. Con especial énfase subliñou que “capitaneou” a batalla pola competencia de xestión do litoral.
No caso de Nicolás Vázquez, destacou que é difícil atopar a alguén que “fale mal del” e enxalzou “a súa profesionalidade, o seu rigor e o seu papel en logros fundamentais da Xunta” -entre os que se atopa a instalación do xigante chinés SAIC en Ferrolterra-.
Ao novo conselleiro erixiulle en “exemplo de servizo público” e tamén destacou o seu coñecemento do funcionamento interno da Administración, xa que exerceu como vicesecretario xeral da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cando el mesmo a dirixía. Ademais, foi secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e, no últimos tres anos, secretario xeral de Industria. Agora, remarcou o mandatario autonómico, “vaille a cambiar a vida”. “Díxome que xa o sabía. Aquí seguen todos, dando o mellor de si todos os días, e estou seguro de que Nicolás Vázquez fará o mesmo”, sentenciou.
A ata agora conselleira de Política Social, Fabiola García, despediuse da política galega cun “até pronto”, e non cun adeus, tras incorporarse ás listas do PP ao Congreso. Fíxoo co compromiso de “seguir servindo” a Galicia desde as súas novas responsabilidades e cunha mensaxe de apoio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen expresou o seu desexo de que chegue “moi lonxe” nesta nova etapa política en Madrid.
Rueda destacou a traxectoria de García e lembrou que era a conselleira de Política Social “máis veterana de todas as comunidades de España”. Tamén a situou entre os membros do Goberno galego con máis anos de permanencia no Consello da Xunta.
Ademais, trasladoulle publicamente unha mensaxe que, segundo explicou, xa lle expresara nunha conversación previa: “Pedinlle que non se esqueza de nós porque nós non nos imos a esquecer dela”. Tamén avanzou que lle pedirán que siga traballando “como o fixo até agora”. Rueda afirmou que García deixa “un magnífico recordo” e aludiu a actuacións impulsadas durante a súa etapa á fronte da área social, como o “novo modelo de residencias”, o Bono Coidado ou o impulso da lei para combater a violencia dixital.
Pola súa banda, García repasou os seus anos na Xunta, que definiu como unha etapa de intensa dedicación. Lembrou que foron “moitísimos anos de dedicación, moitísimas chamadas de día e tamén de noite, miles e miles de quilómetros percorrendo toda Galicia, moitas noites sen durmir”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
GOBERNO DA XUNTA
Rueda enmarca os cambios nun equipo “que funciona”
40 PARA EL CONGRESO EN GALICIA
Once candidaturas al Congreso y siete al Senado competirán por Ourense en las elecciones del 29N
Lo último
EL PRECIO DEL DINERO
Los analistas apuntan a que el BCE mantendrá los tipos
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
El artesano de las emociones
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Otra vuelta de tuerca
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Recordar o 93 e seguir o Camiño