Recordar o 93 e seguir o Camiño

TÍA MANUELA

Publicado: 28 oct 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

En Mérida, onde a finais do século VI xa había un xenodochium, un albergue de acollida e asistencia para as multitudes que visitaban a tumba de santa Olalla. Os historiadores e entendidos din que foi o primeiro refuxio para peregrinos documentado en Hispania. E alí, nesta cidade estremeña, reuníronse, días pasados, representantes das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, para celebrar o XIV Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, “Homo Viator”.

As distintas rutas do Camiño e Galicia foron protagonistas neste encontro de sabios xacobeos

As distintas rutas do Camiño e Galicia foron protagonistas neste encontro de sabios xacobeos, membros da Academia Xacobea e do Comité Internacional de Expertos, universitarios de distintas áreas de coñecemento, periodistas, comunicadores, cineastas, expertos en publicidade e en deseño; teólogos, curas, autoridades eclesiásticas, funcionarios e peregrinos. Alí estiveron homes e mulleres de distintos lugares do mundo, explicando e falando para recordar o Xacobeo 93 e seguir o Camiño.

Efectivamente, peregrinos eran poucos, pero estaban moitas das persoas que axudan aos peregrinos, voluntarios xacobeos, hospitaleiros e amantes do Camiño de Santiago, da arte e da cultura xacobea, de tódalas comunidades autónomas e de varios países europeos, de América e de Australia. Achegáronse a Mérida varios galegos ligados e ben unidos ao Camiño de Santiago. Algúns deles, como os directivos da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, da USC, Miguel Taín e Domingo González Lopo, acadaron unha das máximas distinción da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEAACS), o Premio Pentafinium 2026, polo seu traballo nos eidos da investigación e da divulgación, e polo curso de verán Leccións Xacobeas, que cada ano organizan.

Galicia e Santiago de Compostela estiveron na boca da maioría dos relatores, que compartían o interese pola defensa e a promoción dos valores do Camiño de Santiago, “como un lugar de diálogo e de encontro de culturas, persoas, civilizacións e ilusións”.

Tamén houbo referencias e loas para Elías Valiña, o cura do Cebreiro, o principal organizador do primeiro destes congresos internacionais, o que se celebrara en Jaca, en 1987. A Tía Manuela envía parabéns aos organizadores e a todos os participantes. Ultreia et suseia!

Contenido patrocinado

stats