O Xacobeo pon o contador para o Ano Santo de 2027

PRESENTACIÓN

Rueda lanza a campaña de promoción a 100 días vista, mentras xa se acordaron 128 patrocinios

Rueda, co deán da Catedral, Manuel Formoso, e o comisario do Xacobeo, Gómez Román.
Rueda, co deán da Catedral, Manuel Formoso, e o comisario do Xacobeo, Gómez Román. | David Cabezón

A Xunta iniciou oficialmente a conta atrás cara o Xacobeo 2027 coa instalación dun cronómetro na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago, no que se poderán consultar as xornadas que quedan para o vindeiro Ano Santo. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, acompañado do comisario do Xacobeo, Marcos Gómez Román, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, foi o encargado de activar hoxe este cronómetro, cando quedan xusto 100 días para esta celebración.

A Xunta leva meses traballando na preparación deste novo Xacobeo que vai ser un dos acontecementos máis relevantes a nivel europeo e que supón unha gran oportunidade para Galicia. O obxectivo do Goberno autonómico é organizar unha programación diversa, inclusiva, que chegue a todo o territorio e que se prolongue máis aló do propio 2027. De feito, no marco do Plan de Patrocinios, xa foron aprobados 128 proxectos que se están a organizar ao longo deste ano, como antesala do Xacobeo. A Xunta recibiu máis de 700 propostas de actos para a programación e, na actualidade, están avaliándose os eventos que contarán finalmente con apoio para celebrarse no 2027.

En paralelo, a Xunta puxo en marcha unha nova edición do programa O Teu Xacobeo, mediante o que entidades, profesionais e pemes están organizando xa outro medio cento de actos vencellados ao Ano Santo e, no mes de outubro, abrirase unha nova convocatoria de axudas para os eventos de 2027. Ademais, o Goberno autonómico avanza nos contratos de patrocinio con empresas da comunidade -logo de formalizar a colaboración con Hijos de Rivera, Leche Río o Vegalsa-Eroski- e ultima os detalles para presentar a campaña institucional.

Traballo intenso

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo un encontro de traballo coa nova directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, Aldara Vázquez, co obxectivo de analizar diversas liñas de colaboración con vistas á celebración do vindeiro Xacobeo 2027. Durante a xuntanza, ambos responsables puxeron sobre a mesa a importancia de coordinar esforzos institucionais para potenciar este acontecemento dende unha perspectiva transfronteiriza, aproveitando o impacto cultural e económico que o Xacobeo representa para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Precisamente, no marco desta cooperación, fixeron fincapé no Camiño Portugués, que une os dous territorios como eixos vertebradores de cohesión social e dinamización turística. A reunión serviu para estudar proxectos conxuntos que poñan en valor este patrimonio compartido, impulsando unha ruta xacobea que reforza os lazos de irmandade e o intercambio de visitantes entre os dous lados da fronteira de cara ao 2027.

A semana pasada, o comisario entrevistouse coa presidenta do Grupo Lence, Carmen Lence, para asinar un protocolo de colaboración e impulsar entre ambas partes “a promoción, comunicación e difusión do Xacobeo 2027 e contribuír a consolidalo como un acontecemento de referencia internacional”, segundo informou a Xunta nun comunicado. Marcos Gómez Román destacou a importancia de sumar á celebración a empresas como o Grupo Lence tan arraigadas ao territorio e cuxa actividade repercute integramente na comunidade: “Desde a Xunta de Galicia impulsamos un Xacobeo máis participativo e nese obxectivo, exemplos coma o desta empresa ten moito que achegar tanto de coñecemento da nosa realidade como de compromiso cos galegos e galegas”.

As cifras continúan a medrar

A Xunta activa a conta atrás cara o Xacobeo 2027 nun momento no que Galicia, a través do Camiño de Santiago, segue atraendo a milleiros de visitantes. Os últimos datos indican que o número de peregrinos que recolleron a compostela no que vai de ano supera os 454.000. A eles hai que sumar os que fan etapas da ruta xacobea pero sen recoller este recoñecemento. A información que amosan os sensores instalados en diferentes puntos do Camiño elevan o número de peregrinos deste ano ata os 736.000.

Esta progresión sitúase por riba do ritmo rexistrado en 2025, ano que pechou cun récord histórico de 530.987 compostelas, un 6% máis que en 2024 e a cifra máis alta contabilizada até o de agora. Naquel exercicio, o 57% dos peregrinos procedían de fóra de España, unha porcentaxe que este 2026 medrou aínda máis: xa preto de seis de cada dez camiñantes que chegan a Compostela son de orixe estranxeira, cos Estados Unidos á cabeza da clasificación internacional.

Contenido patrocinado

stats