Xavier Castro: viaxe pola memoria de Galicia

LA REVISTA

Xavier Castro puxo o foco das súas investigacións na outra historia, a social, e desvélanos como era a vida cotiá na Galicia dos nosos devanceiros

Xavier Castro (Cangas de Morrazo, 1954), é un dos investigadores que máis afondou nesa Historia de Galicia.
Xavier Castro (Cangas de Morrazo, 1954), é un dos investigadores que máis afondou nesa Historia de Galicia. | Vicente Alonso

Doutor e catedrático de Historia Contemporánea, Xavier Castro (Cangas de Morrazo, 1954), é un dos investigadores que máis afondou nesa Historia de Galicia que non adoita aparecer nos libros, a que conta como foi a vida cotiá dos nosos devanceiros, o que comían, o que bebían, os seus costumes... Dende o seu primeiro libro, editado en 1985 pola Deputación de Ourense “O galeguismo na encrucillada republicana”, até o día de hoxe ten máis dunha ducia de obras publicadas, entre as que destacan as dedicadas a historia cotiá de Galicia, como “Servir era o pan do demo”, historia da alimentación (“A lume manso”), da cultura do viño (“A la sombra ejemplar de los parrales”, “Los grandes vinos de Galicia”) ou á dieta atlántica (“Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica”). Ademais das publicacións, do seu ensino, que comezou en Ourense na década de 1980 e que aproveitaría para poñer en marcha xunto con Jesús de Juana en 1983 as Xornadas de Historia de Galicia, desenvolve outras actividades como asesor histórico no audiovisual en numerosas series de televisión, subdirector da revista Grial e colaborador habitual de La Región.

Pregunta. Naceu en Cangas, pero non viviu moito alí.

Respuesta. Nacín en Cangas, pero rapidamente, aos tres anos, os meus pais xa me levaron para Vigo. Alí vivín de neno e estudiei o bacharelato. Xa sabes o dito ese que un é de onde estudiou o bacharelato. Así que, polo tanto e seguindo o fío, moi pronto me fixen vigués.

P. Por que decidiu Estudar Historia?

R. Daquela había os estudos de Filosofía e Letras e logo escollíase, a especialidade. Eu tiña claro que a min me interesaban as humanidades. Logo xa escollín Xeografía e Historia. Fixen a tese de doutoramento sobre o galeguismo na Segunda República. Creo que foi a primeira tese que se presentou en galego na Facultade de Historia, en Santiago. Obtivera unha mención de honra do xurado do Premio Otero Pedrayo de Investigación e a Deputación de Ourense ocupouse da súa publicación.

P. E como bo vigués, mantivo o seu vínculo con Ourense.

R. De feito comecei a miña traxectoria como profesor na Escola de Maxisterio de Ourense. E co meu colega Jesús de Juana, que era daquela profesor no Colexio Universitario, fixemos as Xornadas de Historia de Galicia das que houbo doce edicións e das que se publicaron outros tantos libros, recollendo traballos orixinais sobre a historia de Galicia.

P. E de Ourense foi a Francia?

R. Si. Estiven un ano dando clase na Universidade de Rennes e tamén impartín seminarios no Instituto Fernand Braudel, na Escola de Altos Estudios de París. E alí tomei conciencia da importancia da historia social, moi pouco cultivada en Galicia, como tamén en España. E a partires de aí iniciei esa nova liña de investigación cara a historia social: historia da alimentación, da gastronomía, da bebida e tamén a historia da vida cotiá. De feito publiquei un libro sobre como era a vida cotiá en Galicia nos últimos tres séculos, dende o XVIII, en todos os aspectos: a hixiene, a infancia... e logo xa centreime na historia da alimentación e dos viños.

Os galegos sempre fomos un pobo ben mantido

P. A historia social foi a gran ausente nos libros da historia de Galicia. Por que motivo?

R. Porque a investigación estivo máis centrada na historia política e económica. Pero a historia social, a historia da alimentación, da gastronomía e da bebida foron omitidas. É unha carencia seria. É de esperar que a nova historiografía de Galicia recolla estes planos. E tamén ás mulleres. Porque os libros de historia de Galicia só falan da metade da poboación, son historias dos homes. As mulleres apenas aparecen. É certo que hai libros que falan de mulleres, pero das ilustres. Pero non da muller en xeral, de como organizaba a súa vida para conciliar, por exemplo, como era a súa vida en conxunto, a discriminación salarial... eu estou agora investigando nese campo e pronto sairá un libro sobre a historia social das mulleres en Galicia.

P. E iso que en Galicia a muller tiña moito peso na vida social e cotiá.

R. Si, pero non é certo que houbese matriarcado. As mulleres estaban marxinadas, infantilizadas, até moi recentemente, até a democracia. Non podían sacar pasaporte sen autorización do marido, non podían abrir unha conta bancaria... toda a lexislación era sexista, dende o código civil, o penal, o código de comercio... E tamén estaban discriminadas na alimentación e na bebida. É algo que conto no libro “Cociñeiras con talento”. No reparto dos alimentos tiñan menos comida e ademais dos alimentos menos valiosos. Se había pouca carne, comíaa o marido. Se se queimaba o arroz, a parte queimada era para a muller, do peixe, comían a cabeza. E así todo.

P. Chamoume a atención o seu traballo como asesor histórico no eido audiovisual.

R. Tiven dez ou doce colaboracións como asesor histórico en documentais e series de televisión e aínda agora estou metido nesas asesorías históricas. A primeira foi “As leis de Celavella”, ambientada na década de 1920, e as últimas para series de Netflix. Forma parte dese traballo que desenvolvín no campo da historia social do que falabamos antes.

P. Volvendo á alimentación. Cando nace ó que coñecemos hoxe como cociña galega?

R. A cociña galega enxebre é algo que se fragua na segunda parte do século XIX, coa difusión da pataca. Foi unha revolución, como fora no século XVII a do millo. O que consideramos gastronomía galega é relativamente recente. A culinaria arranca no século XIX e a gastronomía foi até a década de 1960 que é cando entra a sociedade de consumo en Galicia, unha cousa das clases privilexiadas: dos fidalgos, burgueses, labregos acomodados, os curas. Pero o conxunto da poboación non sabía o que era a gastronomía. O que tiñan era unha culinaria de restauración, de restauración das forzas. A década de 1960 houbo unha revolución na alimentación, alimentada por moitos factores, como a popularización das granxas que permiten acceder de xeito masivo a ovos, polos, etcétera. Se te fixas, as festas gastronómicas comezan a estenderse a partires desa década. Pero até entón a meirande parte dos galegos conformaban unha sociedade precaria que descoñecía o que era a gastronomía.

P. Hai un mito estendido de que Galicia viviu séculos de fame. Que hai de certo?

R. Como dis, é un mito, pero non se sustenta na realidade. Certo que houbo fames, pero foron episódicas. Dicíase que a fame entraba en Galicia nadando, por exceso de auga, cando chovía moito e podrecía os cultivos e non había alimentos. Pero o pobo galego era un pobo ben mantido, en contra do que se conta. E moito mellor que na meirande parte de España, grazas, en boa medida ao minifundio que favorecía o policultivo de supervivencia, a horta, a viña, galiñas, unha ovella, un porco... e a disposición de alimentos que noutras rexións non estaban dispoñibles para a maioría da poboación. Aínda hoxe, o 75 por cento dos galegos ten algún tipo de terras.

Contenido patrocinado

stats