PRIMEIRA ANDAINA
Lobeira estreou ó grande as “Rutas que Rexeneran”
PRIMEIRA ANDAINA
O programa “Rutas que rexeneran”, promovido pola Deputación de Ourense a través do Inorde e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, arrancou este domingo coa primeira andaina no concello de Lobeira. Preto de 50 persoas de todas as idades, acompañadas polas súas mascotas, déronse cita nesta xornada inaugural dunha iniciativa que busca a desestacionalización turística e poñer en valor o patrimonio natural e inmaterial do Xeodestino Terra de Celanova - Serra do Xurés.
A actividade comezou ás 8,30 horas na Porta de Lobeira. Desde este punto, un autobús trasladou a todos os participantes ata a contorna natural de Pontes de Parada, lugar de inicio do itinerario a pé. Antes de comezar a camiñar, a organización fixo entrega dunha camiseta conmemorativa da proba.
O percorrido, cunha distancia total de dez quilómetros, iniciouse polos sendeiros tradicionais que rodean a igrexa e os montes de San Xés de Vilariño. Os camiñantes avanzaron por un terreo de chan firme que discorre entre vexetación autóctona, sobreiras e fragas que ofreceron unha boa sombra mentres se gañaba altitude. Tras deixar atrás o núcleo de San Xés, o camiño adentrouse na fraga máis profunda para atopar o curso do río Fragoso, un tramo salvaxe de enorme beleza natural.
A continuación, a ruta pasou pola localidade de Sabariz, onde se atopaba o primeiro punto de avituallamento con auga fresca, froita de tempada e barriñas enerxéticas. O tramo final incluíu unha subida constante que leva directamente á Porta de Lobeira, un dos pasos históricos que comunican estas terras da provincia. Alí mesmo, ás 13,00 horas, organizouse a festa final e o segundo avituallamento, provisto dunha mesa completa con bocadillos de embutido local, auga e refrescos para recompensa do esforzo.
Como remate da xornada, os interesados e especialmente a veciñanza de Lobeira, fixeron unha subida en coches particulares á Capela do Viso. A carón da capela, coa panorámica da Baixa Limia aos pés, fíxose unha pausa para honrar a memoria de Triky, compartindo o espírito e a paixón que sempre tivo por ensinar a beleza da súa contorna. O circuíto de andainas, que consta dun total de 14 itinerarios guiados, continuará a súa programación durante este mes e tamén ao longo de outubro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PRIMEIRA ANDAINA
Lobeira estreou ó grande as “Rutas que Rexeneran”
TEJER COMUNIDAD
“A Maiores” se despide hasta otoño pasándolo como niños
A MAIORES
La mente también se entrena en Lobeira