Celso Rodríguez, o home que aos 94 anos segue a pintar ilusións

Este veciño de Soutelo, en Manzaneda, ten unha maneira moi especial de expresar o que sente a través dos seus debuxos.

Celso e as súas coloridas pinturas.
Celso e as súas coloridas pinturas. | La Región

Hai persoas que teñen unha maneira moi bonita de demostrar o cariño. Celso Rodríguez Cereijo, que naceu o 20 de marzo de 1932, faino cos seus debuxos. Cunhas cores, un pouco de paciencia e moito agarimo, vai dando forma a mandalas e figuras que despois regala ás persoas que quere. Porque Celso non pinta só para pasar o tempo: tamén o fai para facer felices os demais.

En Manzaneda hai moitos lugares nos que deixou a súa pegada. Na consulta do médico, na da enfermeira ou na farmacia podemos atopar algúns dos seus debuxos. Pequenos agasallos que gardan detrás moitas horas de dedicación e unha maneira moi súa de dicir “quérote”.

Ata o 7 de novembro, os seus debuxos teñen un lugar especial no espazo sociocomunitario do Estía, onde a Asociación de Veciños de Manzaneda inaugurou unha exposición coas súas obras. A iniciativa nace da recuperación deste local como centro lúdico para os maiores e quere ser tamén un espazo para dar a coñecer os artistas do concello. Celso foi o encargado de inaugurar a mostra, unha alegría para el e para toda a familia, que agradece moito este recoñecemento.

A selección das obras fíxoa el mesmo, porque Celso sabe ben o que lle gusta e o que quere compartir. O pasado 24 de outubro, na inauguración, estivo pendente de todo, participou en cada momento e viviu a inauguración con moita emoción e algún nervio, como lle pode pasar a calquera nun día tan especial. A familia acompañouno, orgullosa de velo alí, rodeado de xente que quería coñecer o seu traballo.A paixón pola pintura chegou case por casualidade. Entre as actividades que facía apareceron as mandalas, gustáronlle e empezou a dedicarlles tempo. Pouco a pouco, aquilo converteuse nunha afección que lle axuda a manter a cabeza ocupada, concentrarse e gozar do momento.

Porque Celso tamén tivo que superar dificultades. Perdeu a visión dun ollo, pero non deixou de pintar. Adaptouse e seguiu adiante, sen renunciar a algo que lle gusta. E iso é precisamente o que máis valora a familia: as súas ganas de seguir facendo cousas, de ter ilusións e de compartir o que sabe facer. Se hai algo que lle gusta especialmente a Celso, son os animais, e cando os pinta non ten por que empregar as cores que lles corresponden na realidade. El ponlles as que lle gustan, as que lle nacen nese momento. Se algo teñen os seus debuxos, é esa liberdade de pintar o mundo ao seu xeito.

Por iso, quen se achegue ao Estía pode deterse nestas figuras e mirar con atención as cores que escolleu. Quizais descubra que un animal pode ser moito máis ca unha imaxe e que, ás veces, a beleza está precisamente en non pintar as cousas como esperamos, senón como as sentimos. Aos seus 94 anos, Celso segue atopando na pintura unha maneira de gozar, de compartir e de sentirse acompañado. E a súa neta Noelia Diéguez, entre o orgullo e o cariño, aínda se permite bromear dicindo que xa só lle queda que lle toque a lotería. Unha desas bromas familiares que fan máis doce un día cheo de emocións.

Pero, máis alá da exposición e dos debuxos, a neta de Celso quere deixar unha mensaxe que merece ser escoitada. A importancia de facer máis caso dos nosos maiores, a dedicarlles tempo e a sentar con eles sen mirar o reloxo. A escoitalos, a acompañalos e a interesarnos polo que fan. Porque, como lembra ela, “moitas veces non necesitan que lles merquemos nada: o mellor agasallo é estar ao seu lado. Se a vida segue o seu curso, nós tamén chegaremos á súa idade”, reflexiona. E entón gustaranos que nos escoiten, que conten connosco e que non nos fagan invisibles.

Mentres Celso siga collendo os seus lapis e escollendo as cores coas que quere pintar, continuará facendo o que mellor sabe: transformar pequenos anacos de papel en agasallos cheos de cariño. Porque hai persoas que pintan debuxos e persoas que, sen se decataren, nos ensinan a mirar a vida con outros ollos.

Contenido patrocinado

stats