O Barco de Valdeorras reparte gafas para observar a eclipse

SEGURIDADE OCULAR

O Concello do Barco de Valdeorras repartirá ata o 12 de agosto un máximo de dúas unidades por persoa para seguir o fenómeno astronómico con seguridade

Entrega de gafas e folletos no Barco de Valdeorras.
Entrega de gafas e folletos no Barco de Valdeorras. | C. B.

O Concello do Barco de Valdeorras iniciou este luns o reparto gratuíto de gafas homologadas para a observación segura da eclipse solar prevista para o vindeiro 12 de agosto. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Turismo, desenvolverase ata o mércores 12 de agosto na Praza do Concello, en horario de 11,00 a 11,15 horas.

Segundo informou a entidade local, estableceuse un máximo de dúas gafas por persoa “co obxectivo de facilitar que un maior número de veciños poida acceder a este material de protección visual”. Lembran que observar unha eclipse solar sen a protección axeitada pode provocar lesións oculares graves e irreversibles. Por este motivo, insiste na importancia de empregar exclusivamente gafas homologadas para este tipo de fenómenos e de seguir as recomendacións incluídas no folleto informativo que se entrega xunto co material de protección.

Durante a xornada de onte, numerosos veciños se achegaron ata a Praza do Concello para recoller as súas gafas de cara a este fenómeno astronómico e espérase que durante os vindeiros días a afluencia continúe na mesma liña, especialmente a medida que se achegue a data da eclipse.

Contenido patrocinado

stats