Ribadavia contará cun mural dedicado ás irmás Touza

A ubicación do mural homenaxe ás irmás Touza será no barrio da estación, na parede do antigo Hostal Alfonso, cerca de San Francisco

Parede na que se realizará o mural.
Parede na que se realizará o mural.

Ribadavia realizará un mural de homenaxe ás irmás Touza. “A Nai, homenaxe ás Irmás Touza” é o título do mural. A súa ubicación será no barrio da Estación, na parede medianeira do antigo hostal Alfonso, edificio situado nunha das entradas a Ribadavia, entre a estación de ferrocarril e o Convento de San Francisco.

O deseño foi supervisado e aprobado pola Comisión do PERI o pasado venres, e será realizado polo artista urbano Jotapé, “JP”.

O Concello é o promotor desta acción con varios obxectivos: continuar coas actividades de Memoria Histórica de Ribadavia e coa posta en valor e difusión do legado das Irmás Touza, así como a reivindicación da muller.

Esta iniciativa lévase a cabo coordinada entre dúas concellarías, a de Mocidade e a de Cultura, en colaboración coa “Asociación Interplusvalía” e o “Proyecto Confluencias y Fronteras” a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil ( OMIX).

Esta acción sitúase dentro do proxecto artístico e educativo “Confluencias y Fronteras” que foi lanzado por Elisabeth Bourdon, de Bretaña, que estivo en varios intercambios do IES Ribeiro na adolescencia, o que lle valeu para coñecer o territorio e pretender valorizar o sincretismo, as referencias culturais, históricas, linguísticas e gastronómicas que comparten Bretaña, Galicia e o Norte de Portugal, segundo apuntan desde o Concello.

Contenido patrocinado

stats