Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
Reality Bites" é unha das películas xeracionais dos que nacemos a finais dos 70. A tradución sería "Petiscos de realidade". Vai -grosso modo- de facerse maior e descubrir que non todo é de cor de rosa. Se Trump tivera participado no filme tería frase propia e sen dúbida sería esta: "Ninguén sabía que o sistema de saúde podía ser tan complicado". Petiscos de realidade. O problema é que logo dun ano e medio cargando contra o Obamacare esta frase reflicte que non sabía do que estaba a falar. Pero non é o único tema do que falaba sen saber nada e quedou demostrado nestes 100 días de goberno. Por ir por partes.
A promesa máis simbólica foi a de levantar o muro con México, e por riba que México ía pagar por el. A realidade é que México non vai pagar por el. As estimacións do custe son tan difusas que van dos 16.000 aos 25.000 millóns de dólares. Polo de agora non atopou financiamento e a oposición demócrata podería levar á paralización dos orzamentos federais se Trump intenta cargar todo o custe ao erario público. Primeiro petisco. Segunda promesa: a prohibición de entrada aos musulmáns no país. A realidade foi que o intento de veto caeu en tódalas cortes posibles de xustiza e por unanimidade. É ilegal.
Obvio. Segundo petisco. Terceira promesa. Anunciou que nomearía un Fiscal Especial para investigar a Hillary Clinton e dixo a famosa frase de que se el fora presidente ela estaría na cadea. Nada máis gañar Trump desbotou esta idea dicindo que non quería danar aos Clinton. Este acto -que podería ser de magnanimidade co rival- non foi así entendido porque, lembremos, Trump prometeu "drenar o pantano" de Washington e nese pantano e cheos de lama están os Clinton, os Bush etc.
A mensaxe para os seus é de que seguen as portas xiratorias, non se drena nada. Terceiro petisco.
Cuarto. A China era o gran rival. Segundo Trump a China era quen estaba a esnaquizar a economía americana a través de manipular o valor da súa moeda. A realidade: Trump e Xi-Jinping reuníronse este mes en Miami. Trump admitiu que mentira, que a China non manipula a súa moeda, nin rastro de Taiwan nas súas conversas tampouco, e todo boas palabras sobre as futuras relacións comerciais. É posible que a Trump lle dixeran por fin que o 7% da débeda americana está en mans chinesas. Cuarto petisco.
Máis. A OTAN. Trump ameazou en campaña con saír da OTAN e cualificou como obsoleta á organización. O 12 de abril, Trump, tras reunirse co secretario xeneral de la Alianza Atlántica, Jens Stoltenberg, dixo que xa non estaba obsoleta e que a OTAN xa loitaba contra o terrorismo. Obviamente a OTAN non mudou un ápice a súa posición nestes meses, simplemente é que Trump non sabía o que facía a OTAN. Quinto petisco.
Xunto co veto aos inmigrantes e o muro, a outra gran promesa foi o desmantelamento do Obamacare (ese que non sabía que ía ser tan complicado).
Non o conseguiu, de feito non conseguiu nin a maioría necesaria para sometelo a votación. Este foi un dos momentos máis baixos e embarazosos de Trump nos seus primeiros 100 días. Foi unha auténtica labazada de realidade porque realmente quen conseguiu paralizar o reemprazo do Omabacare non foron os demócratas, foron os republicanos máis radicais, co que Trump está atrapado nunha disxuntiva. Trump prometeu que o seu sistema de saúde sería mellor, máis eficiente e sostible, e que non deixaría sen cobertura á xente que se apuntou ao Obamacare. Sobre o papel soa ben. Pero como el mesmo dixo… é máis complexo.
A realidade é que non é tan bonito como o pinta polo que non vai conseguir o apoio demócrata e curiosamente polo outro lado tampouco vai conseguir apoio porque os republicanos radicais queren a erradicación total do plan e deixar de novo á xente sen cobertura, e de seguilos, Trump incumpriría a súa promesa e deixaría a millóns de americanos sen seguro. Difícil encrucillada que a efectos prácticos significa que non vai cumprir tampouco outro dos seus grandes mantras de campaña. Si sacou a Estados Unidos TPP e renegociará o NAFTA pero desde unha posición moito máis cordial con México e Canada, sen ameazas.
Tamén cumpriu a promesa de levantar as restricións á produción de enerxía, incluído o petróleo e o carbón, e para iso puxo á fronte da xestión medio ambiental a Scott Pruitt, coñecido por rexeitar tódalas evidencias científicas de cambio climático. En canto á prometida reforma fiscal, acaba de anunciala esta semana, o que non está claro é como pensa recuperar os 2 billóns de dólares que o Goberno deixará de ingresar nos vindeiros 10 anos. Aínda non se votou.
Outra máis. Do discurso non intervencionista en política exterior e o "América primeiro" non queda nin o nome tralas intervencións en Siria, a bomba en Afganistán e o envío da frota pantasma a Corea do Norte. Isto son os feitos, o resto son palabras. Falar e sinxelo, son os petiscos de realidade os que son máis amargos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Sonia Torre
UN CAFÉ SOLO
Las nostalgias
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Ofelia Cardo exorciza las sombras del pasado
Emilio R. Portabales
TRIBUNA
Pasado, presente e futuro dos Coros Galegos
DIARIO LEGAL
¿Camino público o serventía?