20 anos da Festa Cultural dos Foros

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 24 jun 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como pasan os anos! Vinte edicións van dende que Agromadas no 2006 comezou a celebrar a Festa da Eximición dos Foros. E como sempre, o pasado faise presente na memoria. Desta maneira afloran os recordos das historias que se contaban na casa onde hoxe vivo e que falaban do bisavó de miña nai e do preito que mantivera contra o Cabildo da Catedral e o bispo da cidade polo pago dos foros. “Cincocentos moios eran de bo viño do lugar pra manter ó señor bispo e o curia episcopal”. Así reza no “Romance de Seixalbo”, que se cantou por primeira vez naquel 2006 na praza do Cabildo desta localidade.

Era unha loita. Era un asunto que viña de lonxe e que retomou Fernando Freire Carril amparándose nas leis desamortizadoras de Mendizábal coa axuda do avogado liberal alaricano Bernardo Placeres Feijoo e que tivo o final feliz o 26 de xullo de 1859 coa resolución publicada na Gaceta de Madrid eliminando o pago dos foros á Catedral de Ourense e resolvendo un preito de 20 anos de duración. A conclusión foi que o foro non era particular do bispo, senon da institución. Os papeis manuscritos atopados na palleira da casa citada daban fe do traballo e da teima de Fernando rendéndolle contas ós veciños e pondo cartos do seu peto, cando estes xa estaban cansos de pagarlle a avogados que logo se vendían a favor do clero, feito que, nunha carta manuscrita, relatou Placeres Feijoo. Nesa misiva tamén falaba de que foran recibidos como heroes o día que levaron a nova a Seixalbo e que houbo unha gran festa.

Pois ben, grazas a transmisión familiar, ós papeis que apareceron no Arquivo Provincial e o traballo de Marga Seara, Elena González e un servidor, recompuxemos aquela historia que se publicou no libro “Seixalbo, anacos do pasado” e que Agromadas soubo recoller e plasmar nunha celebración cultural que leva vinte anos de existencia, e que, aínda que co paso do tempo foi mudando, hoxe é unha data que xunta a moitas persoas doutros lugares e dá a coñecer este feito histórico e o núcleo de interese etnográfico por toda Galicia.

Con todo o tempo pasado, Agromadas mantén o seu carácter cultural vivo facendo unha representación teatral e creando os Premios de Relevancia Veciñal, que nesta segunda edición recaeu en Antonio Quintela Iglesias polo seu bo facer a favor da veciñanza e amosarse sempre disposto a axudar a aquelas persoas que o requiran, e o Freire Carril que, nesta 17 edición, recaeu en Ánxeles Cuña Bóveda pola súa grande labor a prol da lingua e da escena teatral galega. Velaí unha festa que, na parte cultural, organízase cuns gastos mínimos e que o seu éxito aporta dous aspectos importantes: a participación veciñal e a unidade veciñal nos xantares dos distintos barrios desta vila xunto á promoción deste núcleo que vai máis alá do espazo xeográfico provincial.

En fin, hai dúas décadas comezamos esta andaina cultural e sacamos á luz un feito histórico que naqueles anos do século XIX deu moito que falar en toda Galicia. Un feito que amosou que a unidade da xente move moitos marcos e anchea moitas leiras. Un feito que valeu para mellorar a vida dos seixalbeses nun tempo onde se discutiu politicamente como eliminar os foros particulares, ben pola vía da redención ou pola da eximición. Neste senso compre lembrar a loita do crego de Beiro, Basilio Álvarez.

Hoxe esta conmemoración e festa únenos e axuda a fomentar a convivencia e tamén afrontar novos retos que traerán melloras sociais para un lugar singular e fermoso, un lugar para vivir. Un espazo único nun concello que, en moitos aspectos, ignora ó rural ourensán e as características e calidade de vida que nel existe. Esperemos que esta celebración histórica se manteña moitos anos máis e sirva para entender que do pasado podemos extraer leccións moi positivas para o presente.

Contenido patrocinado

stats