Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Lembro perfectamente a mañá do inverno de 1971 na que o noso profesor de Literatura española no IES Santa Irene de Vigo, Xosé Luís Méndez Ferrín, chegou á aula e dixo: “ preparádevos para saír, hoxe imos ver a procesión da Candeloria”. Decontado, puxémonos en marcha e fomos a pé ata a igrexa románica de Castrelos, próxima ó Instituto. O adro estaba ateigado de xente, pero aínda así puidemos asistir á procesión. A imaxe da Virxe María, co neno no colo e cunha candea acesa na mau dereita, era levada a ombreiros por devotos, homes e mulleres.
Chamounos a atención que a vela non se apagase, a pesar de cair unha auguiña fina; que onda min dicimos morriñada, poalla ou barrumada. Algo que non é orballo nin chuvia. Co tempo souben a paremia popular: Cando a Candeloria chora, o inverno vai fóra; cando ela ri o inverno está por vir. Máis mal chorar ca rir, medio inverno está por vir.
O simbolismo da candea indica que na chama, no lume aceso da vela, están activas todas as forzas da natureza. A cera, a mecha, o lume e o aire, cínguense nunha luz única. Évos a individualización, a vida cósmica elemental concentrada. A chama está soa, naturalmente soa e quere seguir estando soa. A esta idea de luz persoal cómpre engadirlle a da verticalidade; o símbolo ascendente e fálico.
De aí as velas como representación dos aniversarios. Tantas candeas, tantos anos. Acotío simplifícase poñendo o número da idade. Tamén os cirios que rodean ós defuntos, simbolizan a luz da alma na súa forza ascendente, a perennidade da vida chegada ó cénit.
Estamos, pois, na Candeloria e quixen que o anxo Atheán interpretase a acción de levaren as virxes unha candea, non os homes. Chameino e citoume en Compostela. Presentouse axiña en forma corporal. Costoume traballo identificalo nunha cafetería moi frecuentada por estudantes. Ficaba só, concentrado na lectura dun feixiño de folios, que me semellaron ser apuntes. -Home, Atheán, como che vai? Díxenlle. Botou unha sonora gargallada e convidoume a sentar recollendo todo o que alá tiña estrado.
Para o anxo todo isto das velas provén do Pontifical romano na idade media. As virxes seica levaban cirios para demostraren a súa semellanza coas prudentes femias do Evanxeo. O simbolismo da luz tivo sempre un importante papel no pensamento cristián, engadiu il. Faleille das cerimonias nupciais na antigüidade. Entre os gregos e os romanos, a noiva era conducida, con solemnidade entre fachóns, desde a súa casa á do futuro esposo. Mesmo os cónxuxes levaban candeas. Na idade antiga era frecuente ofrecerlle cirios ás divindades do mundo subterráneo e ós deuses e deusas da fertilidade. Si, iso é certo, admitiu Atheán, mais non vaias pensar que o das velas é cousa de machismo. Nada diso, afirmou. As candeas e as buxías atinxen para nós a mulleres e homes. Haiche santos moi veleiros. Eiquí en Galicia tendes varios, sobre todo San Bieito. Ben sabes ti, meu amigo, como sodes os galegos. O panteísmo está sempre aí. A vosa concepción do mundo recúase a Prisciliano. É algo anterior á teoloxía...
E así tivemos que dar por concluída a nosa galra, porque a gallarufa dos mozos e mozas que enchían o sitio foi medrando ata o punto de non podermos falar, nin a berros. De todos modos, cando estabamos fóra, Atheán púxose estupendo. Nun arrouto de confidencia confesoume: “non te preocupes polas velas. Cada vez hai menos. Estámolas substituíndo por buxías eléctricas. Son moi prácticas e recádanse máis cartos. Coa desculpa dos incendios nos templos e capelas, resultan rendibles”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
AL MENOS UN HERIDO
Una colisión entre dos coches provoca retenciones en Rabo de Galo, Ourense
CÚMULO DE LESIONES
Totó, el pulmón del Allariz
LOS LIBROS QUE LEO
"Cartas a un joven poeta" para una búsqueda de la paz interior