A cuestión galaica

Publicado: 27 ago 2024 - 00:05

Hai no caso noroccidental da Península un espazo onde a historia non operou unha construcción que a un ollar espelido se lle presentaría como evidente, e este é o da vella Gallaecia. A vella provincia que os romanos instituíron na terra poboada polos galaicos e os ástures, deu lugar a un dos reinos máis vellos da incipiente idade media, non é obxecto deste artigo remontar os cursos infindos da historia falando dos Suevos, dos Galaicos ou dos Longobardos… Moi pola contra pretendo neste artigo unha reflexión sobre un espazo cultural, social e sobor de todo económico que está ante nós e que como sociedade somos incapaces de responder intelixentemente.

Coma ninguén os galaicos dos século XXI estamos a ser azoutados polas pantasmas do despoboamento, a concentración de pequenas illas de supervivencia económica nas marxes atlánticas, o avellentamento da nosa poboación, o que agora deron en chamar: a fuga de talento, e que non é outra cousa que a marcha progresiva da nosa mocidade… etc.

A cuestión galaica que hoxe traio a colación é algo que ten moito máis a ver coa economía e o desenvolvemento que coa identidade. Sobradamente son coñecidos os particularismos galego, portugués, asturiano e mesmo o leonés, pero sobradamente tamén son coñecidos os problemas que nos acucian a todas as partes. Alén de que as nosas culturas, pasadas todas elas pola peneira escollida dos nacionalismos español e portugués, teñen porsuposto un mesmo refrito fundacional e polo tanto ninguén se sinte extranxeiro no Porto, en Montalegre, en Chaves e mesmo en Cabeceiras de Basto; pero tampoco nos podemos sentir completamente fora se imos a Tapia, a Uviéu ou a Llangreu ou se visitamos o Bierzo ou facemos noite en calquera aldea ou vila leonesa. Os problemas de León e Asturias, ou do Condado portucalense, non son substancialmente diferentes aos nosos problemas; os mozos nortenhos, leoneses, asturianos atópanse coas mesmas barreiras para procurar traballo, para emanciparse… Os nosos maiores cada día teñen que enfrontarse a un sistema sanitario que ten que facer maiores esforzos para atender as súas xustas reivindicacións… As nosas pirámides de poboación apórtannos un cadro común e as nosa cidades engruñanse cada vez máis ante o fragor punxente da besta madrileña que o traga todo.

O que ven a propoñer este artigo e quen lles escribe, é o concepto dunha nova e ampla euro-rexión galaico-asturleonesa que faga do espazo galaico unha nova Holanda do sur como xa propuxera o meu amigo Antón Baamonde. Non veño a propoñer unha subversión da orde constitucional, non se alarmen, en Galicia non estamos para “puigdemonadas” nin moito menos, pero e que o máis alarmante para min como mozo, é observar que a nosa xente parece darlle todo igual, parecen aceptar acríticamente que os nosos políticos nos obriguen a emigrar cara un incerto futuro, eles parecen amosarnos o camiño emigrando eles mesmos do solar galaico cara prometedoras carreiras políticas en Madrid. Parece que todo parte dunha couta auto-percepción, de non tomar concienciado sinxelo feito de que a prosperidade non depende do tamaño, se non de como se aproveitan os recursos dun territorio e da especialización do mesmo, e polo tanto de quen decide, e de se o fai ou non de acordó as características dun territorio. O espazo que propón este utópico articulista que a vostedes se dirixe, axuntaría baixo os seus lindeiros a cidades como Vigo, A Coruña, Avilés, Xixón ou Porto, cunha indubidábel capacidade industrial e mercantil hoxe esmorecente, e de igual xeito tamén incluiría a potencias urbanas no terreo universitario e cultural, cargadas de patrimonio e por ende de riqueza. Santiago de Compostela, Salamanca, Oviedo ou León; e por suposto esta proposta suporía un revulsivo inapelable para cidades que hoxe están ante o impás da historia sometidas ao centralismo esmagante e que ven as súas comarcas de influenza totalmente desertizadas, falo de Ourense, a niña cidade, falo de Lugo, de Bragança, de Zamora e falo por suposto de todalas vilas e comarcas rurais que outrora tiveron un papel fundamental nas súas economías rexionais e que hoxe non son quen de enfrontarse as esixencias dos grandes mercados.

A cuestión galaica é unha proposta complicada, máis pola dureza das conciencias, que pola dureza dos feitos. O que se propón non é renunciar a identidade de cada quen, nin ao seu autogoberno. Esta proposta pasaría por una mesa coa voz autónoma de cada quen representada, mesmo nas nosas linguas e falas de noso, certamente intercomprensíbeis. Esta proposta vai de aproveitar a autonomía galega e asturiana como núcleo promotor do desenvolvemento e tamén da autonomía que tanto precisa o Reino de León e o Condado Portucalense para enfrontarense as vicisitudes dos nosos tempos. Unha Euro-Rexión europea, cun posicionamento xeográfico estratéxico se é que nos autoconvencemos de que queremos deixar de ser una periferia e pasar a ser un centro por nós mesmos, unha rexión de Europa con dominio en dúas linguas internacionais potentes e cunha diversidade cultural e lingüística inte-recoñecíbel e que é o noso mellor fermento para medrar xuntos.

Ferrocarril, infraestruturas, universidades, agricultores, gandeiros, industria, cultura, linguas e sociedade civil deben de contribuir para que lograr que os nosos fillos e netos poidan seguir sendo e vivindo na Galaecia dentro de 2.000 anos máis, que como se sabe na aventura da Historia, dous milenios non son nada! A isto estamos convocados.

Contenido patrocinado

stats