Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
“Non fuyades, cobardes y viles criaturas, que un solo caballero es el que os acomete.”
(Don Quijote)
Quérenos facer comulgar con “aspas” de muiño, e teñen tanta “jeta” que chegaron a dicir que os parques eólicos son un atractivo máis para os turistas emulando, supoño, aos muíños manchegos do Campo de Criptana que desde o século XVI campan pola meseta. Ata tivo que ser o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza quen sentenciara: “Grave afectación polo impacto visual e acústico”. E non esquezamos as subestacións e liñas de alta tensión para evacuar a electricidade.
Foi unha curiosidade aquel primeiro eucalipto que chegou da man de frai Rosendo Salvado hai 160 anos, e tamén a florida mimosa que chegou hai un século acompañando as obras do FFCC; “curiosidades australianas” convertidas hoxe en pragas, nun pesadelo invasor. Os parques eólicos poden -e deben- ter cabida, pero non en espazos protexidos ou zonas de posible ampliación da Rede Natura, cunha proliferación indiscriminada que acaba convertendo a singularidade en praga. No concello lucense de Muras xa teñen un muiño eólico por cada dous habitantes; en Ourense están a caer parques na Serra do Suído e no Faro de Avión, nos montes de Trevinca, o xigantesco de Rebordechao, o de Prada, ou a tiro de pedra, o do Monte da Neve, a escasos tres quilómetros de Celanova.
Cun obsoleto Plan Sectorial Eólico elaborado hai máis de vinte anos e cun Plan Director da Rede Natura 2000, damos aparencia de legalidade. Temos a lei e temos a trampa. Fraccionamos os grandes proxectos en parques eólicos máis pequenos para “sortear” a Declaración de Impacto Ambiental. Dividimos un parque de 150 megavatios e tres de 50 MW sabedores de este é o límite para que a autorización ambiental sexa autonómica en vez de estatal. É se fai falta, ata modificamos a normativa para facilitar aínda máis a súa implantación, como recolle a nova Lei de Reactivación Económica.
Unha vez máis, ás contraprestacións para o país son irrisorias. Non hai unha bonificación nos prezos -xa non digamos unha tarifa galega propia- que puidera resultar atractiva para posibles investimentos industriais que xeren emprego. Polo menos, aquel Concurso Eólico promovido desde o goberno polo BNG e anulado por Feijoo establecía unha participación pública do 14% no beneficio económico e a presenza no Consello de Administración, así como a execución dos Plans Industriais obrigatorios nas respectivas comarcas de implantación e unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual do 3% para os propietarios dos montes, en vez da calderilla de 2.500 euros por MW que ofertan hoxe aproveitando a debilidade social das nosas comunidades rurais. Pouco importa que o TSXG máis o Tribunal Supremo declararan ilegal aquela anulación con indemnizacións millonarias para as eléctricas por que, como di o outro, “xa foi”. O que podía ser, vaise co vento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
La princesa ilustrada
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El sanchismo paga bien
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 6 de mayo
DERROTA 1-0
El Atlético dice adiós sin coraje en semifinales
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 6 de mayo