Afectos e desafectos no 17 de maio

A TRIRITA

Publicado: 16 may 2026 - 03:10
Afectos e desafectos no 17 de maio
Afectos e desafectos no 17 de maio

Xa poucos recordamos o 17 de maio do ano 1963. Eu son un deles. Vivino en Pontevedra. Filgueira Valverde prestounos (Xosé L. Fontenla, por medio) un aula do seu Instituto e alá fomos media ducia de poetas en curso, con máis medo que vergonza, ler os nosos textos na soidade do baleiro dunha das súas aulas. A cousa non pasou de aí. Recordo os nomes de Emilio de Gregorio, recordo a Afonso Alonso, pero non recordo os seus traballos. Gustaríame poder recordar os nome dos outros tres.

Dende entón alá van xa sesenta e tres anos. Todo ó longo deles, con maior ou menor acerto, con pouca ou con moita intensidade, levamos celebrando a memoria dos textos literarios dun feixe de persoas que amaron a súa lingua e botaron man dela escribíndoa con admiración e fervor; ás veces, mesmo con livián, con lixeira ou pobre intensidade, xa que non afectiva, si sen a debida calidade desexable.

Estas cousas suceden. Os membros de número da RAG, elixidos que foron por cooptación dos que han de abrirlles as portas da douta institución nun exercicio libre que ninguén lles debe negar, son quen decide o nome do autor cuxos textos merecen, baixo o seu criterio, ser recordados como exemplo do que as xentes han facer memoria e, no millor dos casos, pero menos, han celebrar a súa vida e milagres, reais ou supostos, sabendo que o importante son os textos e non tanto ou ben menos as súas vidas.

É lóxico e esperable que os motivos que sustentan as propostas anuais estean, en ocasións, máis asistidos de razóns afectivas que de argumentos literarios. Non é alarmante. Sempre haberá quen, en troques de amores, expoña odios e xenreiras pra evitar que, se uns son celebrados, outros autores sexan esquecidos. A condición humana é así. Porén, ambos procederes pouco favor lles fan ós fins propostos.

É comprensible que o nome elixido sexa consecuencia, en ocasións, da proposta xurdida dun amor truncado pola morte. Tamén o é que, se plausible é tal actitude, resulte imperdoable que o resto dos académicos decida admitilo malia ter coñecemento e consciencia de que a calidade ofrecida a unha poboación que sabe, quere, pode e de feito leva a cabo lecturas doutros autores de calidade contrastada e procedencias de distintos e diversos ámbitos lingüísticos e sistemas literarios. Entón, a pobreza dos textos postos en coñecemento dos lectores galegos convencerá a estes dunha miseria literaria que millor sería agachar no corazón do autor da proposta.

Levamos contemplado xa máis dunha oportunidade, máis de dúas e algunha outra máis de propina, nas que os afectos persoais, nuns casos, os desafectos noutros, serven pra potenciar a lectura de textos mediocres silenciando, ocultándoos, aqueles outros que si servirían pra que os lectores galegos considerasen a nosa literatura en pe de igualdade coas demais.

O mal non radica no feito de que unha persoa namorada expoña á luz pública a obra do seu amor perdido. Os actos de amor sempre merecen perdón; ás veces, mesmo tamén os de amor propio. O mal radica no feito de que o resto dos académicos de número se entenrezan de tal xeito que, satisfeitos de si mesmos, expoñan á luz pública a desidia do seu desempeño ou a súa carencia das debidas e previas lecturas dos textos, xa que non dos nomes dos autores, sempre respectables e dignos.

Ese mal, por outra parte tan español, de proceder en virtude dos sentimentos en troques de obrar a partires do que a razón e mailo coñecemento diten, esta invadíndonos en non pequena medida. Mala cousa. Temos unha escasa sociedade civil, allea ós beneficios que aporta a un país o apoio e a fortaleza do chamado poder brando, e son as nosas institucións propias as que deben suplir esa carencia converténdose, dunha bendita vez, no que deben ser pra poder aportar ó conxunto da sociedade a forza moral que esta necesita.

Alá van sesenta e tres anos, daquela non tiñamos institucións propias. Agora si que as temos e, por veces, da que pensar que non nos valemos delas na medida prudente e necesaria, mesmo no referente ás nosas institucións culturais. Cánta forza se perde así.

Contenido patrocinado

stats