Opinión

a busca do sentido común

Osentido común parece cada vez máis unha lembranza de tempos recuados. Pero é que a súa minusvaloración e a da autonomía de pensamento levan tempo avanzando. Así encheron as nosas vidas de normas, decretos, regulamentos, instrucións, informes, prohibicións... e enterraron baixo carros e carretas de complexidades artificiais a eficaz, vella e simple invocación transversal ao sentido común como guía de vida. Por iso ás veces, como neste final de curso, se se pide ós docentes actuaren “con sentido común” moitos dubidan. Porque moitas administracións teñen unha tendencia case natural a facérense totalitarias —enténdase no sentido de regular totalmente a vida da xente, non de pura ditadura, que ese é outro concepto— e queren ditar sobre as nosas vidas como se fósemos simples peóns e non o eixo libre do poder político que dá vida a esas administracións. O controlador controlado. Un exemplo: os profesores tivemos que asinar un papel de non ter sido condenados por temas de violencia sexual. Ese día decidín que se, despois de 35 anos de docencia, tiña que certificar tan ofensivo e politicamente correcto disparate, eu estaba de máis. O bosque normativo non deixa que chegue a luz ó sentido común. Sen el de reitor, a marabillosa aventura da aula pasa a ser unha guerra de guerrillas nas que o exceso de papeis oculta a realidade, como o exceso de verborrea oculta as ideas. E moitos docentes abandonan pois os sesenta é idade máis senatorial ca guerrilleira.

E esa falta de respecto ten moitos paralelos coa xestión da actual crise. Unha desmedida presenza política -ou peor, político-militar- na xestión dun asunto puramente médico-sanitario. Falen e dirixan os expertos sanitarios e calen os políticos. Quero ver batas brancas e non garavatas, xestos impostados e desubicados uniformes militares. O resto, políticos e xente, detrás. Xuntos, todos, “cal falanxe de ferro ben tecida”, que diría Pondal. (Vexan o canal de Youtube do doutor Ivan Moreno. Os expertos, como ese comunicador das redes, son os que debían mandar.) En xeral, houbo poucos apelos éticos á empatía, a arrimar o ombreiro, a seducir ao cidadán para facer o correcto. Nada de modestia, nada de autocrítica, pero feos neoloxismos con resabios autoritarios. Non me gusta a expresión “disciplina social”, por que non “colaboración social”? Non me gusta “nueva normalidad”, mellor “normalidad posible”. Non me gusta “confinamiento”, prefiro “recollemento”. Non me gusta “distancia social” pois só é “distancia física”. E si, as palabras, son importantísimas. Portan actitudes. Por iso, ás veces, as carga o demo.

“Nueva normalidad”, non. A normalidade é un concepto dinámico. Xa sabemos que as cousas serán distintas, transitoriamente, pero nunca serán normal andar embozado ou distante. Ademais, sempre que desde o mundo da política se falou de “novo”, malo malísimo. O “novo estado” salazarista. “O novo orde” ou o Übermensch o superhome de Hitler. O “Novo home soviético” de Pepe Stalin. O Ordine Nuovo italiano ou a Fuerza Nueva española... Non. Déixenme de tanta novidade e intenten o “sentido común”, ou sexa, que falen e manden os técnicos e os próximos á terra. Poñan vostedes un marco sensato e deixen que os máis achegados á xente poñan o lenzo e a pintura. Así, aplicarían seguro o mesmo trato a Madrosende (Ourense) que ó Priorato (Amoeiro). Non sei como será o desconfinamento, pero o desconfiamento, de momento, xeral. 

Te puede interesar