Opinión

O derradeiro número de Nós

Opinión

O derradeiro número de Nós

O primeiro número da revista Nós é fácil de datar: o 30 de outubro de 1920, en Ourense. Pero o último é máis complicado. Na publicación homenaxe que fai a Real Academia Galega en 1972 para conmemorar o cincuentenario de dous anos antes, e que lle chaman como homenaxe número 145, figura un texto de Fermín Bouza Brei -a persoa que levaba o peso real dos seus últimos números, xa en Compostela- no que di contida e textualmente: “Co nº137-38 de maio-xuño de 1935 non remata, como puidera crerse, a existencia de Nós. Cando os acontecementos de 1936, nos que perdeu a vida o seu editor Ánxel Casal -o 17 de agosto que non esquecerei- estaba xa tirada a separata dun meu artigo que tería que surtir no nº 139 ‘Aportacións ao Diccionario de artistas de Galicia dos séculos XVI ao XIX’. Por tanto, o 139 saiu en parte, cousa que poucos saberán”. 

Polo tanto viña indicar o contrario do que dicía. Que realmente rematara no de maio-xuño de 1935, pois do seguinte número, para el 139, só se fixera a súa separata. E se o dicía Fermín Bouza, que levara o peso máximo das edicións nos últimos números en Compostela, sería certo. Ademais, nas coleccións coñecidas, poucas, públicas ou privadas, remataban todas naquel dobre 137-138. Iso foi o sentir común durante un tempo. Pero nese extraordinario de 1972 no que se integra un índice xeral completo de todos os números, elaborado por Ben Cho Shey, inclúe todos os artigos do, agora si, derradeiro número, un múltiple, o 139-144, que correspondería nominalmente a xullo-decembro de 1935. E como Ben Cho Shey fixera o índice, era fixo que na súa colección si tiña o tal. Así, Carlos Casares, na entrada “Nós” da Enciclopedia Gallega, sinala: “... en la Rúa do Vilar 15, que fue donde se imprimió el número 139-44, que ya no se distribuyó por haber estallado la Guerra Civil. Este número figura, en cambio, en la edición facsimilar que hizo Galaxia en 1979 gracias al ejemplar que pudo ser salvado por Xosé Ramón E. Fernández Ojea”. 

Tennos contado o amigo Bieito Ledo como foi el mesmo a Madrid a buscar ese exemplar para incluílo no facsímile de Galaxia. E esa idea salvadora do único número por Ben Cho Shey foi literaturizada oralmente nalgunhas charlas e aceptada como terreo común. 

E aí atrás, o outro día, tomando un café co amigo Xosé Lois Carrión, neto de Leuter González Salgado, home clave na organización da Revista Nós, primeiro concelleiro galeguista de Ourense, e recadador de colaboracións ourensáns para as emisións en galego da BBC de Londres (1947-56) entre outras moitas cousas, e falando dos orixinais da revista que temos el e eu, comentoume que debía ter na casa o número 144. Eu díxenlle que non, que imposible, que só había un, o que salvara Ben Cho Shey, e que, ademais, polo análise directo do exemplar que está hoxe na Biblioteca da Deputación, ben se vía que estaba mal guillotinado polo que, pensaba eu, debería telo collido en galeradas na imprenta e montado el mesmo. Ademais, non ten capa e, pensaba eu, a capa podería ter sido copiada para a facsímile sen existir previamente. Pero Xosé Lois insistiu. Tiña os Nós nunhas caixas non accesibles nese momento, pero si, que estaba case seguro de que o tiña. Aposteille unha cea a que non. E chegou a casa e procurou as caixas. E si. Tiven a alegría de perder a aposta. Sempre é un pracer poder convidar a unha cea a un amigo e é moito mellor que haxa outro exemplar, en bo estado e en boas mans. Se cadra aínda hai máis por aí. Eu xa non digo nada.