Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
Francamente, celebrar neste 2025 o 50 aniversario da morte de Franco paréceme mal, moi mal. Sonlles máis de bautizos que de enterros, e o que queren os que promoven tal é o contrario ao que quixeron Santiago Carrillo, Josep Tarradellas, Felipe González, Fraga Iribarne, Adolfo Suárez e Juan Carlos I.
Estes, e todo un país detrás, quixemos superar un tempo de oprobio e vergoña e mirar adiante en vez de atrás. E púidose facer porque os políticos dominantes daquela, dunha parte e doutra, tiñan sentido de estado, e non tiñan nada que ver coa praza de touros de Badajoz, de Paracuellos del Jarama ou da actividade dunha guerra infame que encheu a todos de miseria moral, aínda que non tivesen todos a mesma culpa nin a mesma razón. Nin Fraga era herdeiro dos “claudiadores” do Furriolo, nin Felipe da checa do Círculo das Artes, nin Tarradellas dos asasinatos de cregos, monxas e trosquistas permitidos en Cataluña por Luís Companys... E Carrillo promovera desde 1954 a “reconciliación nacional”: mellor concentrarse nun futuro occidental e europeo que nun pasado fedorento. E se algo se quere celebrar, que sexa, no seu momento, a transición, o acordo e, sobre todo, a vontade popular e a Constitución como punto de encontro no estado autonómico, social e de dereito na forma de monarquía parlamentaria do que nos dotamos, libremente.
“100 años de honradez” retrucado cun “y cuarenta de vacaciones”. Si. Mellor a historia para os historiadores, fóra da política
Coas súas eivas, o período que vai desde a aprobación da lei de reforma política -co xeneroso harakiri das cortas franquistas do día 18 de novembro de 1976-; as eleccións constituíntes de 15 de xuño de 1977; a aprobación da Constitución por parte do pobo español o día 27 de decembro de 1978, e a articulación logo do estado das autonomías e a entrada nas institucións occidentais -Unión Europea e OTAN- ata hoxe, é o mellor período da historia de España. A data da morte do ditador non é transcendente: morreu na cama e houbo millóns de persoas que o choraron e o foron despedir. O que veu despois, nada tivo que ver con el, só coa vontade colectiva de democratización da sociedade e o impulso sincero do rei Juan Carlos I. Así chegou a democracia. Non era a idea do ferrolán. Polo tanto, mellor esquecerse del. E, de paso, da ausencia do PSOE na loita antifranquista protagonizada case en exclusiva polo PCE. De aí a ironía de Tamames que nos lembraba esoutro día Rosendo: “100 años de honradez” retrucado cun “y cuarenta de vacaciones”. Si. Mellor a historia para os historiadores, fóra da política.
En fin, as miñas lembranzas dese home son catro. Unha, un verán, cando nos mandaron abeirar o coche na estrada porque ía pasar, coma un foguete o seu, camiño de Meirás. Outra, cando pensaba que viña confundida a enciclopedia Álvarez no seu segundo apelido, pois Bahamontes soábame moito máis lóxico, polo ciclista, ca Bahamonde, que nunca tal oíra. A terceira, sen malicia, ir poñer pesetas á vía -tamén puntas longas- para que pasase o tren por riba, “a ver se Franco botaba a lingua”, cousa que nunca sucedeu. E a cuarta, escoitar a Albino Núñez sorrindo seriamente na porta do instituto ás oito e media do xoves 20-N dicindo que quedaban suspendidas as clases ata novo aviso e os, lóxicos, gritos de alegría. De feito, as vacacións de Nadal comezaron ese 1975 ese día.
E souben que o franquismo acabara en dous momentos. Un, en novembro de 1985 cando lle preguntaban a nenos de Primaria quen era Franco e só un o soubo: o que descubrira América. E outro, cando miñas fillas cantaban aquelo de “Franco, Franco tiene el culo blanco porque su mujer se lo lava con Ariel...” e así pasou ao nivel de “Mambrú -el conde de Marlbrough- que se fue a la guerra, mire usted, mire usted que pena”, e doutros personaxes que perderon vixencia histórica e pasaron á simple burla nas cancións infantís. Morra o conto. Ademais, xa ninguén canta o do cu branco. Agora todo é tik-tok e esas cousas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último