Agardando por quen non ven

Publicado: 16 nov 2024 - 00:25

Imaxino que o que escribo tenlle pasado a media humanidade con eses problemiñas que fan que nos afoguemos nun vaso de auga, no que calquera cousiña que nos falla significa a fin do mundo, sexa que nos deixa de funcionar o teléfono ou o ordenador, sexa que a cisterna non para de gotear ou sexa que a Velux deixou de funcionar e dache o sol no medio da cara cando intentas durmir a sesta.

De todos é sabido o fácil que é darse de alta nunha operadora teléfónica ou nunha plataforma televisiva, e o difícil, por non dicir imposible, que resulta que te atendan para darte de baixa ou para resolver un problema; aínda que eu sempre me poña na pel dos pobres operadores que sabe deus a cantos miles de quilómetros están, tratando de ser o máis agradables posibles para solventarche o problema seguindo as pautas que lles marcan os seus superiores, mentres escoitas cada pouco unha insoportable musiquiña de fondo antes de retomar a conversa cunha calidadede de son tan mala que mesmo parecera estar en Bangladehs. E igual está.

Cóntovos a última; de repente internet deixa de ir na casa, e despois de escoitar esas malditas máquinas que che din que vas ser gravado e case unha hora despois de comprobacións e de insistirlle en que che envíen un técnico, consigues que che ofrezan cambiar o router, onde parece que está o problema.

Chega o maldito router ao día seguinte, onde as letras do contrasinal non se sabe se son maiúsculas ou minúsculas; probade a poñer a letra “K” e veredes; dinche que utilices o “QR”, que tampouco vai, e insistes en que che envíen un técnico, e unha hora despois consigues que che pasen con outro departamento onde din que che van enviar o ditoso técnico. Dúas horas perdidas.

Chámante para citarte ás oito da mañá, chámante de novo para cambiarche a hora para as catro da tarde; e aquí me tés aínda esperando por el seis días despois. Gracias a un bo amigo que desde sempre me resolve todas estas menudencias, consigo que os “K” maiúsculas e minúsculas deixen de facerme a vida imposible. O colmo é cando a multinacional che manda unha mensaxe para dicirche que xa está resolto o problema. De pitorreo vaia. Danche ganas de coller o router e estampalo contra o logotipo da ditosa empresa telefónica que tés cerca da casa.

A semana foi moi entretida, porque ao intentar encher os apartados para a solicitude dun técnico que che arranxaxe o motor dunha persiana eléctrica exterior podes poñerte máis dos nervios que se entraras na de Renfe, que tamén lle chega. Ao final, non sei como, consigues falar coa central da empresa en Madrid e danche un número de teléfono dun técnico galego oficial; chámalo e pregúntache que quen che deu o número, que todo se fai a traves de internet, e entón é cando empezas a baixar o santoral e despotricar contra a tecnoloxía e as malditas webs nas que nunca aparece un teléfono de atención ao cliente.

Eses clientes que antes iamos ao banco que tiñamos xusto debaixo da casa e resolviamos todo o necesario nun plis plas, e agora dinche que non teñen nin un can, que tés que ir á central ou utilizar o caixeiro, e menos mal que para isto é para o único que paga a pena ser maior de 65 anos, ao non ter límite de horario para ser atendido. Benditas aquelas oficinas da Caixa de Aforros de Allariz ou de Caixa Ourense de Mariñamansa onde o trato personal valía u potosí.

Contenido patrocinado

stats