Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Un dos praceres desta vida é sentarse cos amigos compartindo conversas, sempre interesantes e ás veces animadas por unha copa de viño. Coincidimos, eles máis eu, en que a comensalidade é un rito laico que só a boa amizade ao redor do mantel converte nunha das cousas que paga a pena vivir, das que levaremos con nós cando deixemos este mundo.
Non hai moito tiven a fortuna de compartir con eles -ese foi un dos premios- un bo albariño das Rías Baixas, o “Terra Firme”, procedente de viñas e adega documentadas polo menos dende 1850 nas feraces terras do Salnés, capaces de mirar ao mesmo tempo cara as rías de Pontevedra e Arousa. Pero a miña gran sorpresa foi ao ver a etiqueta: unha fermosa punta de frecha que, ademais, indicaba un ocorrente norte. Onde a vira antes? A forma soábame moito, pero despois contareilles. Certamente non é moi habitual ver motivos así representando ás marcas dos nosos viños, polo que tirei de Internet para facer indagacións ata dar co asunto.
O fermoso deseño era obra do Grupo Revisión, formado polos tres prestixiosos creativos nas artes da imaxe Pepe Barro, Lia Santana e Xosé Salgado, que comparten un estudo, e foi merecedora do premio de Identidad Visual que organiza a Asociación Española de Profesionales del Diseño. Ese foi outro premio que gardaba a botella. Máis as indagacións continuaron coa busca da procedencia da punta de frecha seleccionada polos deseñadores para o albariño e, facendo memoria, revisei a bibliografía que tiña ao meu dispor ata dar con ela. Se acertei, penso que asi foi, din cun moi grato novo e gran premio, todo iso, como verán, por varios motivos. Un era que a frecha fora descuberta na escavación do dolmen número 3 de Parxubeira, situado no coruñés Concello de Mazaricos. Os traballos nos monumentos megalíticos desenvolvéranse en tres campañas entre os años 1977 e 1984 e viron a luz no libro titulado “La necrópolis megalítica de Parxubeira”, publicado en 1988 polo Museo Arqueolóxico e Histórico Provincial da Coruña. Sen dúbida as escavacións suscitaron un gran interese porque estas sepulturas monumentais foran utilizadas e reutilizadas durante un tempo bastante longo, tanto que nela confluíron tres etapas da prehistoria: un primeiro uso foi no Neolítico, cando foron construídos os dolmens. Outro uso posterior correspondese coa Idade do Cobre, tamén denominada Calcolítico. E o terceiro uso, posterior a ambos, no Bronce Antigo, cando comeza a tecnoloxía de aliaxe metalúrxica. Poi ben, a punta de frecha procede do uso máis antigo dos monumentos, do horizonte cultural primario propio do ritual megalítico. Mais para min o máis importante deste caso é o novo premio que agachaba a etiqueta do albariño Terra Firme, a que loce orgullosa a punta atopada nas mámoas da Parxubeira: o director das escavacións é o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago, Antón Rodríguez Casal, con quen me une unha profunda amizade a quen lle gardo fondo respecto e agradecemento porque foi o director da miña tese de doutoramento, que defendín en 1994, encamiñando no traballo académico a materialización das miñas investigacións na querida terra da Baixa Limia.
Vexan que nunca tantos premios confluíron nesta botella de albariño, algún cargado de lembranzas que transcenden o mero desfrute dunha copa de viño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El sanchismo paga bien
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Sin indicios de paz
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
91 coches matriculados al día
Lo último
GUERRA EN ORIENTE MEDIO
Bruselas alerta de una posible crisis energética “sin precedentes”
FALTA DE PRESUPUESTOS
El Gobierno utilizó fondos de la Unión Europea para pagar pensiones
MOVIMIENTO EN EL MERCADO
Los Escribano salen de Indra y venden su 14,3% tras el choque con el Gobierno