Opinión

As miñas sinécdoques con Holanda

Amei a Holanda cando os nazis a invadiron e obrigaron a tódolos xudeus a saír a rúa cunha estrela de David cosida na súa roupa e, na mesma mañá de entrada en vigor de disposición tan cualificable, a raíña holandesa, de semblante serena e doce, paseou as rúas da capital do seu reino cunha estrela de David cosida na súa propia roupa. Era evidente que eu amaba a Holanda, pero que estaba confundindo a parte co todo; que a miña admiración pola raíña holandesa a transformara en amor polo conxunto do país. Unha sinécdoque que me levaba inevitablemente a chamarlle amor a Holanda ó que só era admiración cara unha persoa que, certamente, comprendía en si mesma a toda a súa nación. Tamén era evidente que me pasara. As paixóns sempre son así. 

A miña cordial cicloxénese explosiva debeu ser cousa dos poucos anos, polo menos así me consta a altura dos que teño agora. Algo así coma se un rapaz xermano ou outro idiota holandés de hoxe en día dan en sentir cara nós o convencemento de que somos todos comisionistas ou temos amantes teutonas de ollada luminosa, beizos suxerentes, aires de princesa e non diría eu que discreta avidez monetaria.

Deberei agora, vista a actitude e mailas propostas de Mark Rutte, primeiro ministro holandés, de abdicar da miña confesa admiración pola raíña Guillermina e, sinécdoque vai, sinécdoque ven, comezar a sentir polos holandeses o desprezo, non só intelectual, que sinto por este seu gobernante? Un desprezo que non fará que llo expoña agora por escrito pois resultarían sempre máis e máis variados tódolos tipos de desprezos e tódalas súa posibles magnitudes os que vostedes imaxinen que os que collan neste meu corazón atribulado?

Winston Churchil dixo de Guillermina que era "o único home de verdade nos gobernos exiliados en Londres" durante a Segunda Guerra Mundial; algo así dicía o finado do meu pai da súa sogra da que afirmaba, sen inmutarse, que "era un gran home" cando non "unha muller de pelo en peito". Que poderíamos pensar agora, os europeos do sur do continente que todos habitamos a cerca deste galopín membro do Partido Popular Europeo? Millor será non andar a perder o tempo en cualificar actitudes e comentarios que se cualifican eles sos. O caso é que a militancia do señor primeiro ministro pode ser un indicativo. Cal?

Acaso no lo poida aclarar Jeroen Dijsselbloen, tamén holandés e presidente do Eurogrupo dende o 21 de xaneiro do 2013, autor da profunda análise que gustosamente lles transcribo: "Mergullados na crise do euro, os países do Norte amosáronse solidarios cos países atinxidos por la crise. Como socialdemócrata, atribúo á solidariedade unha grande importancia. Un non pode gastarse todo o diñeiro en copas e mulleres e logo vir pedir que se lle axude".

A militancia do primeiro ministro holandés que, como se dixo, se aliña no Partido Popular Europeo e maila da seu ex ministro de finanzas e actual presidente do Eurogrupo que xa quedou explícita, pois forma parte da socialdemocracia nas filas do PvdA, poden certamente darnos idea da cualificación do primeiro deles dous e, por similitude, tamén do segundo: Parvos sempre os houbo, hai e haberá a esquerda e dereita do espectro político.

Hai uns anos, cando eu aínda andaba polo mundo, entereime de que as nais holandeses non ameazaban ás súas crías coa chegada do Coco ou do Sacauntos, como moitas aínda o estarán a facer por eiquí, senón que delegaban no duque de Alba a responsabilidade de que os nenos se portasen ben ou se durmisen a toque de corneta. 

Sabida a máis que posible cualificación dos dous políticos holandeses caberá preguntarse outras cousa. Estarán estes persoeiros do PPE e máis do PvdA, do Partido do Traballo, influídos aínda por unha nenez aínda non o necesariamente superada, por unha especie de fase erótico anal aínda non debidamente superada e seguiranlle tendo medo ó duque de Alba, ós terzos de Flandes e seguirán sen pasear moito pola Rue Amigo da capital bruxelense? A verdade é que non sei que dicirlles. Ata é posible que sí.

Impresiona a tranquilidade coa que políticos de renome e con responsabilidades públicas tan significadas botan as súas bocas a pastar...por expresalo de xeito tan cheo de vulgaridade e equivalencia como as que as súas consideracións se merecen. 

Se algún político español se permitise unha análise da realidade holandesa baseándose nos tópicos vixentes sobre Amsterdam, por poñerlles un exemplo ó acado de todos, ou si se aproveitase da capacidade láctea das vacas frisonas pra facer unha equiparación inoportuna, de certo que a nosa propia prensa o maltrataría en debida forma.

Ignoro se a prensa holandesa se fixo o debido eco da estolidez infantiloide destes seus dous políticos. A verdade é que o dubido. Hai xa moitos meses, vin unha reportaxe feita por un reporteiro dunha televisión xermánica na que, filmándoa en Madrid, se escachaba a rir entrevistando a funcionarios dos nosos ministerios que chegaban tarde ós seus traballos, mentres non paraba de emitir xuízos de valor e xulgaba intencións e resultados cun desparpallo insultante, supremacista e sarcástico, él, cidadán do país da Volkswagen. Tamén doutras realidades que non pesaron nada chegada a hora de reclamar a Grecia, un outro país membro do que eles tamén chaman PIGS, unha cantidade igual (pero non equivalente) que anos atrás, logo da Segunda Guerra Mundial, eles non lles devolveran ós gregos: ós cidadáns do terceiro país dese grupo dos PIGS (dos porcos, en inglés) composto por Portugal, Italia, Grecia e España. Manda...

Non é de desexar que a Unión Europea se veña embaixo, claro que non, pero si que os países menos favorecidos pola Historia a partires da Reforma, católicos ou non, de esquerdas ou de dereitas, con independencia de que a súa unión proceda dunha realidade xeográfica ou política concreta, sumen esforzos e criterios que impoñan o respecto mutuo entre os membros que a compoñen. Eiquí hai xa tempo que non amezamos co Sacauntos. A ver se eles deixan de asustarse co duque de Alba e argumentan como os adultos que son e non sempre se presentan.

Te puede interesar