Otero Pedrayo e o "¡salve o griego!"

Publicado: 23 abr 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Un atrevemento pola miña parte escribir –aínda que sexa breve- sobre o Patriarca das Letras Galegas, D. Ramón Otero Pedrayo, no seu ano, Ano Oteriano. Narrareilles esa anécdota que soamente a pode facer posible un humanista da dimensión de D. Ramón, e que tiven a oportunidade de contala no contexto da xornada “Vixencia e legado de Ramón Otero Pedrayo” no Foro La Región celebrado no IES que leva o seu nome na cidade de Ourense. Anécdota ilustrativa, que non se sabe ben públicamente, ou así mo transmitiron. Ninguén é alleo a dimensión humana de D. Ramón, resultando imprescindible para comprender non só a cultura galega, senón tamén a identidade profunda da nosa provincia.

Comecei a intervención de inauguración co “Ensaio histórico de Otero Pedrayo, sobre a cultura galega (1930)”: “Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas, e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima”. Definindo ao noso Patriarca das Letras como intelectual completo e unha figura de acción, que soubo conectar a xeografía, a política e a educación de un humanismo completo, xa que D. Ramón foi, diante de todo, un humanista. E dende o contexto humanista cativador que profesou, dixen a anécdota, que lla oíra a Xesús Alonso Montero hai uns anos no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Así foi! Transcorría o 14 de abril de 1975 cando acudiu a Ourense o señor Cruz Martínez Esteruelas -último ministro de Educación con Franco-. Da conversa co gobernador civil, o ministro mostra interese en visitar a D. Ramón, xa dunha idade avanzada e que se atopa na cama debido a unha fisura ósea, ademais de debilitado e triste porque falecera a súa muller días antes. O caso é que resultaba necesario pedirlle permiso ao Patriarca das Letras para recibir tal visita. Petición aceptada. Acoden, entre outros, gobernador e ministro a rúa da Paz, onde está encamado D. Ramón. Xa na habitación, o ministro estende o brazo para darlle a man, reaccionando D. Ramón cun intento de incorporarse -cas poucas forzas dispoñibles-, pero aínda así pronuncia en alto: “¡Salve el griego!”. Diante do escoitado polo ministro, este murmúralle ao gobernador: “D. Ramón también es cinéfilo… le gusta ‘Zorba el griego’, debe ser su película”. Teñen que aclararlle ao ministro: “No, D. Ramón ha pedido que salvara el griego”. O grego como materia curricular estaba infravalorado naqueles momentos, o que vén a demostrar a dimensión humanista de Otero Pedrayo, reivindicando as humanidades.

Dende a Deputación de Ourense, institución á que representei no Foro La Región, consideramos que Ramón Otero Pedrayo representa unha das expresións máis elevadas do compromiso coa provincia, cunha visión que transcende ao seu tempo e que continúa inspirándonos hoxe, cincuenta anos despois do seu pasamento. Ademais de que foi, ante todo, un gran defensor do territorio. Comprendeu como poucos a riqueza paisaxística, cultural e humana de Galicia, especialmente de Ourense. As súas obras, estudos e intervencións públicas foron sempre un exercicio de amor pola terra e de reivindicación das potencialidades. Tamén pedagogo, mestre, un home que cre na educación como ferramenta de transformación social.

Dende o seu labor non deixou xénero literario sen cultivar, o que valeu para a designación de Patriarca das Letras Galegas, ao que hai que engadir ter sido un dos máis grandes oradores da historia de Galicia. E, aínda xubilado como profesor, D. Ramón reparte o tempo entre a casa natal, a aldea en Trasalba, sempre cunha intensa actividade, disposto a traballar a prol da lingua e da cultura galegas, acudindo a todo canto curso ou conferencia se lle convida, redacta xenerosos prólogos, participa en actos públicos, pregóns. Ata o sobre esforzo final diante do ministro: “¡Salve el griego!”.

Contenido patrocinado

stats