Alonso Montero e a UPG

Publicado: 22 feb 2025 - 00:00
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

A sigla UPG poden acochar moitas cousas. Na fala castelá e portuguesa, as Unidades de Psiquiatria Geriatrica, que, como o seu nome indica, atenden as persoas demenciadas de máis idade. En Galicia pode significar, tamén, algo aparentemente non relacionado, como a Unión do Povo Galego, un grupo “comunista patriótico” que moveu os fíos do nacionalismo dominante durante moitas décadas, o que na linguaxe ortodoxa doutrora, era o M.N-PG, o “movemento nacional-popular galego”; definición de acollía todas as concreción das iniciativas sociais que promovían, tipo SOG -antepasado da CIG-, AN-PG, UTEG, Comisións Labregas, ERGA, Fronte Cultural, etc. etc. Pero destas vellarías xa poucos se lembran. O caso é que impulsaron organizacións sectoriais para ter presenza social interposta. Incluso a nivel político, crearon o BN-PG e logo o BNG sigla na que se acubillaron sempre -nunca se presentou a UPG ás eleccións- e sigla que arestora acolle tamén a outros colectivos e, sobre todo, moitos independentes que procuran un lugar galeguista útil -ou sexa, posibilista- que non sexa o PP nin o PSOE, desde o que traballar en política, sen entrar moitos díxome-díxome teóricos, e para os que a UPG é hoxe unha pexa. Ana Pontón tende a falar de cousas concretas e menos destes fumes, e así vaille ben. Pero parece que nalgunhas cuestións volven ao pasado rancio. Doutro xeito non se entende como o Bloque de Lugo se opón ao nomeamento do profesor Xesús Alonso Montero, cun currículum impresionante en favor da lingua e do compromiso social, como fillo adoptivo da cidade onde desenvolveu por décadas o seu traballo. E vóullelo explicar porque no fondo, moitas voltas non ten.

Pero a Rodríguez e aos seus, pareceulles “intrusismo” e atacárono sen piedade e sen moita razón, pois ambos estaban preocupados polo futuro da lingua e pola promoción do rianxeiro

Alá nos finais dos sesenta e setenta no, chamémoslle, galeguismo de esquerda había dúas figuras, moi activas creando escola, primeiro Xesús Alonso Montero e logo Francisco Rodríguez. (Había outras, como Ferrín, Beiras, ou Camilo Nogueira, pero arestora non vai a cousa con eles). Don Xesús, era a cara visible da fervenza cultural autonomista do PCE e o Sr. Rodríguez, da do radical compromiso nacionalista da UPG. Don Xesús, traballador e comprometido, xa prestixioso catedrático, publicou varios libros clave: “O que cómpre saber da lingua galega”, “Os cen mellores poemas da lingua galega”, e o importantísimo “Informe dramático sobre la lengua gallega” no que advertía do perigo que pasaba a fala. E tamén, varios outros de difusión da obra de Castelao. Pero a Rodríguez e aos seus, pareceulles “intrusismo” e atacárono sen piedade e sen moita razón, pois ambos estaban preocupados polo futuro da lingua e pola promoción do rianxeiro. Contrapuxeron ao seu “Informe” e a outras obras fundadores da nosa sociolingüistica, un libro de Rodríguez titulado “Conflito lingüístico e ideoloxia en Galiza”, en 1976.

E lémbroo ben, porque na “célula” estudantil nacionalista na que eu militaba aos 16 anos, dicíannos que tiñamos que falar mal do libro de Alonso e defender o de Rodríguez. Nunca tal fixen. Que tempos. Que cousas.

O caso é que Alonso nunca escondeu a súa defensa dunha Galicia orgullosamente autonómica integrada orgullosamente nunha España republicana e tal era -e é- a súa posición ideolóxica, lonxe dos nacionalismos e considerando o inevitable dominio das linguas galega e castelá, tamén unha riqueza. Alonso, sempre se gaba da súa militancia no PCG, pero vai bastante por libre, é home afable de grande elocuencia e proclive aos amigos -e amigas- e aos acordos. E máis a medida que pasa o tempo. Ten toda a razón non querer nin falar do tema.

Ao Bloque de Lugo, se cadra este “repunantismo” de monopolio, pode que lle pase factura nas eleccións, pois xa tocou a súa imaxe. En fin, algunhas cousas -e actitudes e organizacións- deben desaparecer para deixar sitio a outras que se adaptan mellor aos tempos, ensina Darwin.

Contenido patrocinado

stats