Xoán Antón Pérez-Lema
Lugo ou a fraude á ética democrática
DENDE SEIXO-ALBO
Non sei se rir ou chorar, aínda que prefiro rir, que polo menos é máis san. As imaxes de ver a todo un ex presidente e a ex secretaria xeral dun partido de goberno contestando con evasivas e monosílabos diante un tribunal, ou dicindo que aquelo e o outro é falso, para logo acudir á manida resposta de “non me acordo” lémbrame ás persoas que teñen unha amnesia de comenencia. O que se ventila nese xuizo é o asunto de espiar a adversarios políticos, asunto que agora ninguén mandou facer e que resulta ser un delito moi grave nunha democracia. Mais ó lembrarme do caso dos sobresoldos que cobraban en “b” os ministros, non podo esquecer como actuaba aquel xuíz dicíndolle ó avogado da acusación que tal ou cal pregunta non procedía. Con iso xa todo me queda moi claro.
Pois ben, algo semellante aconteceu cando a D. Mariano Rajoy lle preguntaba a avogada da acusación, á que axiña a xuíza, que presidía a sesión, cortábaa dicindo que non procedía tal ou cal pregunta pois xa fora contestada ou non entraba na causa. Que casualidade, facía igualmente co xuíz do caso dos sobresoldos onde ninguén sabía nada nin quen era un tal “M. Rajoy”.
Pero o máis chocante deste asunto é que un presidente dun partido e a súa secretaria xeral parece que apenas se vían e que apenas falaban. Vamos, como se fosen dous descoñecidos que soamente andaban á procura dos millóns de euros que o tesoureiro Bárcenas tiña, ou aínda ten, agochados. Ou sexa: cartos que viñan desa contabilidade en “b”, e que, segundo din as malas linguas, supostamente eran aportacións por supostos amaños en concesións e obras moi importantes. Ai se aquil disco duro, escarallado a golpes, falara!, outro galo cantaría.
O espectáculo que deu, e segue a dar a Xustiza deste país nestes asuntos importantes que afectan á xente que ten ou tivo poder, demostra que está cega do ollo dereito e soamente ve do lado esquerdo. Aínda que no xuízo salgan todos estes persoeiros ben, que vai ser así, deste esperpento quen sae perdendo é a imaxe da Xustiza. Si, esa Xustiza que soamente vale, como dixo un presidente do Tribunal Superior, “para o roubagaliñas”.
Neste xuízo xa ninguén pode crer que a Policía comeza unha investigación de motu propio sen ordes de arriba. Tampouco que lle pon o pillo do tesoureiro un policía de chofer de confianza para que o investigue, ou que un falso cura entra no domicilio dos Bárcenas para buscar unha libretiña e outras cousas. “Algo cheira a podre ó noso arredor”, dicía unha cantiga de Folk Cantigas, grupo ourensán de grato recordo nos anos setenta do século pasado.
Esa Xustiza que debe ser imparcial e actuar con firmeza diante os atropelos que fan os que teñen o poder camiña, nas súas máis altas instancias, de erro en erro. Primeiro foi o caso do fiscal xeral do Estado, logo os atrasos permanentes nos casos como o referido ó comenzo e outros... trece anos de espera para logo rematar todo nunha pantomima que arrepía e que deixa a esta Xustiza diante os cidadáns nunha situación de desconfianza e desprestixio total.
En fin, cada día que pasa os cidadáns percibimos que un dos piares do estado de dereito, nas grandes alturas, está moi desprestixiado e móvese por intereses superiores que non son outros que os de determinados poderes fácticos. Diante determinados casos que vulneran a lexislación, todos os que delinquen continuadamente cando están dentro e fora do poder teñen un bo amparo, dado que todos semellan unha parodia con final feliz para os procesados. En certos ambientes da xudicatura ate parece que está compinchada algunha parte do poder político e o xudicial.
Como conclusión, é moi triste e moi pouco edificante ver ás persoas que foron máximas autoridades de goberno e de partido que, non sei se intencionadamente ou aposta, sofren unha amnesia que lles impide lembrar o que facían cando estaban no poder. E mentres, os segunda fila dese partido din que fale a Xustiza sabedores do que dixo un deles: “Controlamos por la puerta trasera el Tribunal Superior”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xoán Antón Pérez-Lema
Lugo ou a fraude á ética democrática
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Corredores
Manuel Herminio Iglesias
DENDE SEIXO-ALBO
Amnesia total
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Mirar para os ollos
Lo último
TERCERA FEDERACIÓN
Andrés Calvo, defensa del Barco: “El domingo tenemos una final”
PROBLEMAS EN EL ABASTECIMIENTO
Agua turbia en la traída de tres aldeas de O Barco
DEPORTISTA DE ÉLITE
Muere Moncho Monsalve, entrenador y figura histórica del baloncesto español
Deben celebrarse primarias
El PSOE precisa: solo los alcaldes están “blindados” en las listas