Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
Luciendo palmito moreno en las mejores fiestas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
O martes, 7 de marzo de 1961, creouse a Biblioteca Pública Municipal de Baños de Molgas. Este sábado pasado, 7 de marzo de 2026, cumpríronse exactamente 65 anos. Ese día de 1961, eu aínda non fixera os dous anos; con esa idade, mal podía saber o que significaría para min aquel acontecemento, a creación daquela pequena sala de lectura e de cultura. Aínda así, non tardei moito en descubrir o seu verdadeiro valor.
Moitas veces dicimos que con tal ou cal cousa nos cambiou a vida. Eu confeso -aínda que poida parecer unha esaxeración- que a miña cambiou coa biblioteca de Baños de Molgas. É certo que, antes de descubrir o verdadeiro alcance, as miñas ansias lectoras reducíanse ás novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía e Silver Kane, e a algún que outro cómic de El Capitán Trueno o El Jabato. Mais co paso do tempo, e pola falta absoluta de recursos económicos para mercar esas novelas -as que lera eran prestadas ou de segunda man-, non me quedou outra que achegarme pouco a pouco á propia biblioteca para comezar a usar o servizo de préstamo.
Primeiro cheguei a escoller aqueles que pensaba que me gustarían; axiña pasei ós máis voluminosos porque os outros rematábaos demasiado pronto
E foi a partir de aí cando o pobre Federico non daba feito a cubrir as fichas dos libros que eu levaba para a casa. Primeiro cheguei a escoller aqueles que pensaba que me gustarían; axiña pasei ós máis voluminosos porque os outros rematábaos demasiado pronto; e mesmo acabei por seguir unha orde de estantes, lendo o que fose caendo nas miñas mans: daba igual que fose ficción, filosofía, química, poesía, ou o que cadrase. Hai que dicir que as horas da mañá, sumadas ás horas da tarde no monte coas vacas, dan para moitas páxinas. A miña asiduidade á biblioteca, e con tanta antelación, chegou a ser tal que Federico acabou por dicirme que pasase pola súa casa a recoller as chaves e que abrira eu mesmo a biblioteca; el xa se presentaría máis tarde, no seu horario habitual: de sete a nove da tarde/noite.
Co tempo quedei eu mesmo de encargado da biblioteca. Pero non tardou moito en aparecer quen quixese meter a política polo medio -e iso que eu chegara a abrila algúns domingos e festas de gardar, só para facilitar o acceso ós lectores da vila-. Así que un día collín as chaves, deixeinas nas dependencias municipais e dimitín, renunciei, despedinme.
Creo que leva xa bastantes anos pechada. Non intento saber cantos, porque me doería na alma. Para min, aquela biblioteca foi a esencia da pouca -ou da humilde- sabedoría que teño. Oxalá se volva abrir moi pronto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Itxu Díaz
CRÓNICAS DE VERANO
Luciendo palmito moreno en las mejores fiestas
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
No era para tanto esto del mar
CLAVE GALICIA
Abel a toda pantalla
José María Eguileta Franco
DIARIOS DO PASADO
A mesquita de Guitiriz, unha curiosidade bélica recente
Lo último