Annus oterianus

Publicado: 27 dic 2025 - 04:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O pasado dezasete de decembro asistín a un momento histórico para min e coido que tamén para o nos país. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, deu lectura a unha declaración institucional na que se acorda dedica-lo ano 2026 á figura de don Ramón Otero Pedrayo. Máis polo miúdo, a dita declaración, froito do consenso acadado entre tódolos grupos políticos representados na nosa Cámara, decide homenaxear ó Patriarca das Letras Galegas co gallo do cincuenta aniversario do seu pasamento. Ó mesmo tempo, conmemora o século de vida da súa “Guía de Galicia”; un libro que, dende o meu punto de vista, representa o primeiro gran fito xeográfico da historia da nosa terra despois do Mapa de Fontán.

No plano persoal, confeso que vivín un dos días máis ledos da miña vida ligada á política. Por fin, pensei naquel intre e sigo a pensar cando escribo este texto, os galeguistas conservadores -os de verdade-, temos un motivo importante para brindar posto que esta declaración supón, entre outras cousas, sacar do ostracismo a un persoeiro que o foi todo para o galeguismo político pero que, de xeito incomprensíbel, se atopaba -canda outros-, relegado a un terceiro plano e condenado a penar na cruel cela do esquecemento. E admito que naquela sesión plenaria sentín, outra vez, ese orgullo de estirpe que me inunda cada vez que experimento unha chamada do fondo étnico creado polos meus devanceiros ideolóxicos dende Ourense -sempre Ourense!-: o Risco que teorizou o nacionalismo conservador, o Cuevillas que o complementou e o Otero Pedrayo que o narrou.

Sei que, de vivir hoxe, don Ramón sabería, coma ningún outro, le-la actualidade e interpreta-las matinacións desa Galicia que se pensa a si mesma tódolos días

Confeso que esa mañá lembrei as verbas sentidas que escribira un Castelao xa enfermo -“(...) abrazarte a ti, é abrazar a Galiza.”-; palabras que non só predicían a derradeira aperta de dous compañeiros e amigos, senón que retaban ó destino histórico ó recoñecerlle a Don Ramón algo máis ca unha irmandade persoal e política. Quizabes, o de Rianxo, nun exercicio de clarividencia, estaba a intuí-lo papel político e cultural que o Patriarca desenvolvería nas décadas seguintes. Para min, esa aperta -materializada días despois na provincia galega de Bos Aires- contiña xa unha maneira de entende-lo noso país, de pensalo e mesmo de narralo. E afirmo que predicían e retaban ó destino por que ó pouco tempo, Otero converteríase nun símbolo, nunha icona e nun guieiro da loita culturalista como forma de resistencia do galeguismo do interior durante a longa noite de pedra do franquismo; unhas décadas de silencios impostos e identidades amordazadas nas que a cultura galega foi a única vía de loita posíbel e onde o Patriarca representou a referencia moral, estética e intelectual asegurando un espazo de continuidade na historia da nosa reivindicación identitaria. Nun ambiente tan hostil, o de Trasalba exerceu o seu maxisterio con responsabilidade e sen estridencias, facendo da escrita e da palabra lanzada ó ar da reflexión, unha guía e unha forma de resistencia.

Sei que, de vivir hoxe, don Ramón sabería, coma ningún outro, le-la actualidade e interpreta-las matinacións desa Galicia que se pensa a si mesma tódolos días; desa Galicia consciente, reflexiva e autocomprensiva que entende que pensarse é unha forma de existir, un xeito de seguir a ser. Estou certo de que sería quen de narrar con mestría os millóns de peripecias individuais que alimentan a intrahistoria desta terra, deste eterno Finis Terrae; vidas dotadas dun fondo sentido do propio como riqueza do conxunto; vidas pequenas e senlleiras pero que, xuntas, modelan o que somos e constrúen o país. Por que, dalgunha forma, a verdadeira historia non se escribe ó abeiro dos grandes fitos, senón que se alicerza sobre a conxunción das intrahistorias particulares dos seus integrantes.

Contenido patrocinado

stats