“Anora”: o eloxio do baleiro

Publicado: 14 mar 2025 - 04:05
Fotograma de "Anora"
Fotograma de "Anora"

A última longametraxe de Sean Baker foi a gran triunfadora aos Premios Óscar. Obtivo cinco importantes estatuillas: Mellor Película, Mellor Dirección, Mellor Actriz Protagonista (Mikey Madison), Mellor Montaxe e Mellor Guión Orixinal. Xa recibira a Palma de Ouro a mellor longametraxe no último Festival de Cannes, e foi sumando outros recoñecementos antes de chegar aos premios dourados. Pero foi sobre todo a raíz do galardón francés que a película empezou a recibir eloxios desmesurados por parte da crítica. Moitos definiron Anora como ‘unha actualización de Pretty Woman’ ou de unha ‘revisitación da fábula de Cenicienta’. O filme relata a vida dunha prostituta de Brooklyn, Anora, que coñece o fillo dun oligarca ruso na sala de streep-tease onde traballa. O rapaz déixalle o seu número de teléfono, e despois de invitala á súa mansión, contrátaa durante unha semana. Finalmente os dous acaban casándose en Las Vegas. Cando a noticia chega a Rusia, os pais do rapaz envían uns matóns armenios para anular o matrimonio...

É un filme onde os personaxes resultan tan baleiros que é case imposible empatizar con eles – excepto, quizais, co que fala menos, Igor, interpretado por Yury Borisov.

Anora é un filme que mestura xéneros diferentes sen elixir ningún en concreto. Podería definirse unha traxicomedia obscena, ou un teatro do absurdo con pinceladas de thriller. É un filme onde os personaxes resultan tan baleiros que é case imposible empatizar con eles – excepto, quizais, co que fala menos, Igor, interpretado por Yury Borisov. Todos están sobreactuados, as situacións tan exaxeradas e repetitivas que, aínda que algún diálogo o escena saque unhas risas, os chistes acaban estirándose tanto da resultar aburridísimos.

Os primeiros corenta minutos da película, ademais do xa citado retrato afable do mundo da prostitución, reiteran escenas de sexo ao estilo do peor cine porno performante, celebran a festa permanente, a irresponsabilidade, son literalmente un eloxio ao diñeiro, ao infantilismo e á superficialidade.

Anora é un filme absolutamente amoral. Non debería necesariamente ser un defecto, ao contrario. Pero o filme de Baker acaba sendo un intento - xustificado coa etiqueta de ‘cine indie’ - de blanqueamento da prostitución e dos malos tratos. Non se entende onde está a crítica ao soño americano que moitos críticos evidenciaron, ao contrario, parece a súa exaltación. Tampouco Anora é unha película que fala de amor. Os primeiros corenta minutos da película, ademais do xa citado retrato afable do mundo da prostitución, reiteran escenas de sexo ao estilo do peor cine porno performante, celebran a festa permanente, a irresponsabilidade, son literalmente un eloxio ao diñeiro, ao infantilismo e á superficialidade. Os personaxes de Pretty Woman tiñan moi claro o que eran e o que querían, eran conscientes dos seus límites e onde querían chegar. Os protagonistas de Anora actúan como polos sen cabeza e a película, ao igual que eles, vai sen rumbo de principio ao final.

Tampouco o filme destaca pola súa forma. Case ningún plano é suxestivo mentres a fotografía é correcta, sen nada especialmente notable. Parece que os premios que recibiu, empezando polo Festival de Cannes, van máis dirixidos a recoñecer as anteriores películas da filmografía de Sean Baker que esta.

A raíz dos Óscar o filme acaba de restrearse en pantalla grande, pero tamén se pode atopar en Filmin, AppleTV e Amazon Prime Vídeo, entre outras plataformas. Despois de vela podedes decidir se é unha das películas máis sobrevaloradas da tempada ou un logrado eloxio do baleiro. Para min, por suposto, non resultou ser a que adoito chamar ‘buona visione’.

Contenido patrocinado

stats