A anormalidade normal

Publicado: 07 feb 2026 - 05:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nos últimos días, estamos sendo testemuñas na Península dunha natureza feroz. Chuvias torrenciais, desbordamentos e unha sensación de “caos atmosférico” dominan conversas e titulares. A narrativa dominante adoita cualificar estes eventos como anomalías inauditas e sinala como culpable ao manido cambio climático e case como cómplices responsables, aos que, simplemente, pretenden reflexionar sobre a explicación narrada. E a min, miren que raro, case me parece o contrario. Que a falla de normalidade climática é a cousa máis normal. Porque a valoración do clima constrúese en base a dinámicas de ciclos longos e facendo medias. Digamos que se un ano chovese en Ourense 1.000 mm. e outro 2.000 mm, un estaría un 50% por baixo da media e outro, un 50% por riba, porque tendemos a confundir a media matemática co que se debería ser. Ningún ano sería “normal”. E cómpre ter memoria -ou recorrer á memoria prestada, pola historia- para ver que grandes chuvias e chea dos ríos, mesmo catastróficas, hóuboas sempre, cada tantos anos. Os mapas da Confederación Hdrográfica, tan importantes á hora da planificación urbanística, sinalan zonas asolagables por periodos de tempo. Digamos, a ollo, que cada dez anos ou vinte hai unha chea grande; cada cen unha extraordinaria, etc. E mentres a memoria persoal e familar confluía co sentido común aconsellábase “Nin casa ao pé do río nin viña ao pé do camino” como filosofía da prevención. Igual que era tradicional o recurso á meteorolóxica Virxe de Reza, que tanto se traía en procesión á Catedral para que chovese como para que parase de chover. O que resulta chamativo é construir sobre cauces secos de ríos ou case, e cando cadra ano pico de chuvia, sorprenderse porque se asolague. Parece disparatado investir en facer baños ao pé mesmo do río -tipo Chavasqueira, Muiño da Veiga, Outariz- ou piscinas como as de Oira, en zonas recorrentemente asolagables, para que logo teñamos que cada poucos anos, investir centos de miles de euros en restauralas. Non sería lóxico facer os baños, como as casas, un pouco “máis arriba” fóra das zonas onde sabemos que si ou si, vai volver de seu o río? Todos lembramos riadas grandes, e canto máis vellos, máis. Lembro o inverno 1999-2000 pouco antes de inaugurar o centro Ponte Vella que entrou auga no seu parquin, polo que ten unha estructura metálica elevable na porta de acceso para, no seu caso, impedir a entrada de auga. Tamén lembro algunha de chegar a auga case ao patio dos Salesianos. E se imos á historia, aí están ducias de testemuños de todos os tempos. Na idade media e moderna. E desde a inmensa de 1909, á de 1945 cando a enchente do Barbaña tirou cunha ducia de casas e cobrou nove vidas… e deu lugar, tanxencialmente, a un dos mellores relatos da literatura galega contemporánea, “O Suso” de Mendez Ferrín, pois el mesmo nos lembrou nun artigo do libro dos amigos a Marcos Valcárcel, hai 16 anos, que un seu coñecido, Suso, afogara naquela chea.

Os fíos de néboa das memorias prestadas, case sempre locais, esváense ante a contaminación inmediatista das ondas das wifis

Se cadra o tempo non está máis tolo que noutros momentos, senón que nós temos a memoria a longa distancia, a familar ou comunitaria, bastante derramada. Agora non se remoe nas cousas locais, senón collen máis peso os aconteceres mundiais. Algo semellante ao que pasa cos maios. Xa verán as coplas deste ano, cheas de Trump, Zelenski, Gaza, Ucraína, Groelandia, etc. Os fíos de néboa das memorias prestadas, case sempre locais, esváense ante a contaminación inmediatista das ondas das wifis.

E como hoxe, a tecnoloxía e as redes sociais permítenos ver -sempre hai quen grave- estas treboadas en tempo real, aumenta a nosa percepción de excepcionalidade. Porén, o fenómeno físico non é novo. A “falla de normalidade” é a norma. A natureza non está “tola”; simplemente actúa cunha cadencia moito máis longa cá nosa vida.

Contenido patrocinado

stats