Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: o Posío

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 07 feb 2026 - 04:40
Tumbas romanas descubertas por L. Orero (arriba) e E.B. Nieto
Tumbas romanas descubertas por L. Orero (arriba) e E.B. Nieto | La Región

No seu libro “Fueros municipales de Orense”, de 1912, Manuel Martínez Sueiro reseñaba a descuberta de ladrillos e outros materiais construtivos romanos nas inmediacións do Posío e na beira dereita do Barbaña. Os datos foron despois recollidos por Florentino Cuevillas cando no artigo “Como nasceu a cidade de Ourense”, publicado na revista Nós en 1934, teorizaba sobre as orixes da cidade. Moitos anos máis tarde, o Concello de Ourense promovía dúas intervencións arqueolóxicas no xardín do Posío. No inicio consistiron en seguimentos de obras, pero os resultados das observacións levaron a completalas con sondaxes.

O primeiro dos proxectos foi dirixido por L. Orero Grandal en 1998. Tanto o seguimento arqueolóxico como as sondaxes confirmaron os datos de M. Sueiro, porque permitiron recuperar numerosos vestixios romanos, entre eles, cerámica fina de mesa -sixilata-, cerámica común e tellas planas. Polo estudo desas cerámicas, as máis antigas do s. I. d. C. e pese a non ter aparecido restos de edificios, Orero conclúe que “...non fan máis que confirma-la moi posible presencia dun asentamento desa época …”, do s. I-II d. C., ben neste mesmo lugar, ben nas inmediacións. Tamén se descubriu unha tumba tardorromana con sección triangular, que o citado arqueólogo datou, aproximadamente, no s. V d. C. O segundo proxecto arqueolóxico no lugar, iniciado en 2025, dirixiuno E.B. Nieto Muñiz. Entre outros materias aínda non publicados, descubriu unha nova tumba romana semellante á que escavara Orero anos antes. Pero desta vez foi posible datala con máis precisión porque en relación co enterramento apareceron dúas moedas. Aínda que non se conservaban ben e estanse a estudar, segundo o director poderían ser, unha de Constantino II e a outra de Constantino I ou ben do Licinio ou de Crispo, respectivamente, emperador e fillo de Constantino I. En todo caso, as dúas moedas son do s. IV d. C. Esta datación coincide co contexto arqueolóxico das sepulturas tamén tardorromanas que eu mesmo escavara moitos anos antes, en 1993, na necrópole do adro da igrexa da Trindade. Precisamente xunto a unha destas tumbas atopara unha moeda de Constantino II, da mesma época que as descubertas por E.B. Nieto no Posío.

En todo caso, as dúas moedas son do s. IV d. C. Esta datación coincide co contexto arqueolóxico das sepulturas tamén tardorromanas que eu mesmo escavara moitos anos antes, en 1993, na necrópole do adro da igrexa da Trindade.

A enorme importancia das intervencións arqueolóxicas do Posío, máis se as poñemos en relación coa do Pompeo -patio do IES Otero Pedrayo- e independentemente dos achados romanos tardíos, é que proporciona claros indicios dunha romanización neste entorno dende o s. I-II d. C. que se prolonga ata o s. IV/V, e estendería os límites do asentamento romano cara o sur da cidade actual. Viamos tamén como as datas máis antigas propostas para o Pompeo e o Posío, puideran achegarse ao século I d. C., máis concretamente, á súa segunda metade. Coinciden coas que proporcionaron as últimas intervencións realizadas nas Burgas. Os restos atopados por L. Orero e E.B. Muñiz afástanse uns 400 m das fontes termais en liña recta, o que dende o punto de vista topográfico e espacial desvincula os vestixios do entorno das surxencias termais. Máis tamén dende a interpretación funcional dos achados, xa que das numerosas escavacións arqueolóxicas realizadas ata o momento na cidade histórica, de momento só contamos con edificios construídos especificamente para o baño -ben hixiénico, ben sacralizado- xunto ás célebres fontes mineromedicinais. Verémolo noutras colaboracións.

Contenido patrocinado

stats